Ribadeo, 21 de decembro de 2021. Cun novo curso de soldadura rematou a formación ofrecida por Apaga en Ribadeo ao longo deste 2021. A pasada fin de semana foron novo os alumnos asistentes a esta cita, procedentes de empresas da zona.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, fai un balance positivo dos últimos meses: “levamos máis dun ano tendo que adaptarnos ás normas sanitarias que veñen marcadas pola pandemia do covid-19, pero aínda así seguimos ofrecendo formación neste 2021, que tivo unha importante acollida en toda a contorna”.
Doural agarda que “as persoas interesadas en formarse, en seguir avanzando para conseguir metas mellores nos sigan apoiando e elixindo. Aproveito a ocasión para darlles a todos os asistentes aos nosos cursos as grazas, ao profesorado que os impartiu e tamén ás empresas que nos están a demandar formación específica”.
O presidente de Apaga subliñou que “tal e como xa anunciamos hai uns días en xaneiro de 2022 poñeremos en marcha un proxecto formativo aplicando unha nova tecnoloxía, que se chama de aula invertida. O alumnado poderá formarse durante a semana na súa casa, a través da nosa plataforma, e as fins de semana asistir ás clases prácticas. É un novo proxecto de formación que se está experimentando nunha iniciativa europea sobre os aprendices, seguindo directrices da Unión Europea, que está moi interesada na súa formación”.
Álvaro Doural engadiu: “creo que podemos aproveitar este recurso aquí, na Mariña de Lugo, e estamos abertos a escoitar propostas; de feito xa recibimos algunhas de empresarios, que queren que lles axudemos na formación. Estamos dispostos para calquera tipo de colaboración, sempre dentro das nosas posibilidades, pero eu penso que unindo forzas podemos saír adiante”.