José Miñones anunciou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está a ultimar a redacción de dous proxectos para facer melloras en praias deste municipio mariñán. Explicou que a Dirección Xeral para a Sostenibilidade da Costa e o Mar ten previsto acometer dúas actuacións para realizar melloras na praia de Arealonga en San Miguel de Reinante e na praia de Balea-Coto.
“Con estas intervencións propoñémonos axudar á recuperación da gran riqueza natural que posúe o concello de Barreiros, que supón un gran atractivo tanto para os veciños e veciñas como para os numerosos visitantes deste municipio”, subliñou Miñones. Neste sentido, destacou que “o gran tirón turístico de Barreiros e do conxunto de muncipios da comarca da Mariña vai recibir un pulo decisivo co Plan de Sustentabilidade Turística pois o proxecto da Mancomunidade de municipios suporá o investimento de 3 millóns de euros”.
O delegado do Goberno informou á alcaldesa e ao equipo de Goberno de Barreiros de que a Dirección Xeral para a Sostenibilidade da Costa e o Mar está a ultimar os proxectos de recuperación e protección do sistema dunar de Arealonga en San Miguel de Reinante e da praia da Balea-Coto.
Estas actuacións consistirán na recuperación dos ecosistemas das dúas praias. Para iso está prevista a erradicación de especies invasoras que supoñen unha importante ameaza, como é o caso da herba da Pampa, e a posterior restauración de especies autóctonas. Posteriormente está prevista a execución de novos accesos e a mellora dos xa existentes. A actuación completarase coa realización de melloras nos edificios de uso público existentes na zona.