Lugo, 23 de decembro de 2021. A sector pesqueiro é fundamental na economía da provincia de Lugo. Pese a elo, e a que o apoio a este sector está entre as competencias da Deputación, esta institución apenas lle dedica anualmente máis que cantidades simbólicas. Agora que os problemas aos que se enfrontan os pescadores aumentan, o Partido Popular acode unha vez máis a expoñer o seu respaldo e apoio. Nesta liña, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, estivo esta mañá no porto de Burela, co patrón maior da confraría, Basilio Otero. Castiñeira explica que “o grupo provincial do PP quere mostrar así, no día de hoxe, o seu apoio á frota lucense, que é moi importante para a economía da nosa provincia”. Un apoio que se produce con máis forza aínda “polos malos momentos que está a vivir a nosa frota, despois de coñecer que se ve reducida a súa capacidade pesqueira nas últimas semanas, polo acordo da Unión Europea, e moi especialmente nunha das pesqueiras máis importantes para os portos de Burela e Celeiro como é a da pescada”.
Castiñeira sinala: “Esa redución das cotas prexudica á nosa frota, como a prexudicará se se eliminan as bonificacións ao gasóleo para os nosos barcos; profundaría moito máis na crise”. Engade: “O Partido Popular de Lugo está sempre cos nosos mariñeiros, coa nosa frota, en todas as institucións”.
O portavoz provincial do PP anunciou esta mañá ao patrón maior que “o PP presentará unha moción na Deputación de Lugo, para que esta institución inste ao Goberno central a unha maior implicación coa nosa frota, porque entendemos que o noso país está a perder, no que á pesca se refire, relevancia por falta de peso específico do Goberno con respecto a outros estados da UE”.
Os populares instarán, na mesma iniciativa, “á Deputación a unha maior implicación propia do goberno provincial, do bipartito PSOE-BNG, que parece ser que non sabe que a provincia de Lugo ten mar; das tres deputacións galegas con costa nos seus territorios, é a que menos implicación ten, a que menos financia ao sector pesqueiro”.
Castiñeira considera “que o 2022, o ano da recuperación, é o momento de dar máis axudas ás confrarías, á federación e de promocionar máis e mellor os produtos pesqueiros do que o fai a día de hoxe. Esperemos que no próximo pleno teñamos o apoio unánime de todos os grupos”.