Castiñeira sinala: “Non é que non cumpran o seu compromiso de subir o 25% o Plan Único. O peor é que non contemplan neste novo Plan Único a perda de poder adquisitivo pola suba dos prezos dos materiais de construción e da enerxía, e conxelan este plan que é moi necesario para todos os concellos”.
O portavoz popular destaca que “15 millóns, aproximadamente, dos 21 que ten este plan van a obras municipais, polo que se aplicamos os prezos actuais, os concellos perden arredor de 4 millóns de euros en custear as política inflacionistas do señor Sánchez e a súa nefasta estratexia enerxética”. Explica: “Hoxe, como exemplo, visitamos unha planta de aglomerado asfáltico en Xove, probablemente o produto máis utilizado polos concellos, dentro do Plan Único, para arranxar as súas estradas. O aglomerado prodúcese con betume que custa practicamente tres veces máis que no 2020. Fabrícase con gas que custa case un 50% máis que no 2020 e con electricidade que custa un 25% máis. Aplícase con maquinaria que consume gasóleo, que está un 30% máis caro que no 2020. Polo tanto, é obvio que, cos mesmos cartos, os concellos van poder botar moito menos asfalto nas súas estradas”.
Castiñeira destaca que, pese a todo, “Tomé sigue vivindo no seu mundo de Yupi e probablemente lle dá igual o que pase no resto dos concellos, porque, se no seu non lle chegan os cartos, usa os da Deputación, como leva a facer nestes dous anos, pero os outros 66 alcaldes van ter que tirar de fondos municipais para sacar adiante o 2022, que se prevé tremendamente caro e custoso para todos os lucenses, pero tamén para todos os concellos da provincia”.