Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros e Ribadeo alegan fronte ao parque eólico Fonte Barreiros

Barreiros, 23 de decembro de 2021. Os Concellos de Barreiros e Ribadeo veñen de asinar no día de hoxe as alegacións municipais ao proxecto do parque eólico Fonte Barreiros, poñendo de manifesto a falta de capacidade dos propios consistorios nunha proxección eólica que emana doutras administracións.

Tanto a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, coma o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, solicitan a paralización da tramitación do parque eólico a espera dunha coordinación da planificación existente; xa que, aseguran “a voracidade de empresas promotoras de proxectos eólicos supera a capacidade técnica e administrativa municipal e vémonos envoltos nun procedemento no que somos unha mínima parte con moi escasa capacidade de decisión.”

Ambos representantes municipais advirten da necesidade de coordinación entre as Administracións e dunha planificación que reverta nos propios municipios, lonxe de proxectos puramente mercantís como os que se están a tramitar ante as administracións autonómica e estatal.

Neste sentido, sinalan que é preciso un estudo completo de todos os proxectos que existan en Galicia, xa que do contrario non se poderá avaliar correctamente o seu impacto no territorio e nas veciñas e veciños; xa que o feito de que a tramitación se realice a nivel galego ou estatal non garante a día de hoxe a menor incidencia dos proxectos.

Suárez e Ermida sinalan que ademais deste proxecto de tramitación estatal, existen outros proxectos que se tramitan na Comunidade Autónoma que poden supoñer un maior impacto, polo que chaman a manter a atención sobre as informacións oficiais que poidan aparecer; xa que polo momento non están en fase de exposición ao estar pendentes da rede de evacuación, tal e como se pode consultar no Rexistro Eólico de Galicia.

Exit mobile version