Compostela, 29 de decembro, 2021. O deputado do Grupo Popular e presidente da Comisión de asuntos marítimos do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro, defenderá mañá, na sesión prevista deste órgano parlamentario, que a Unión Europea defenda a continuidade do diésel bonificado para a pesca. Balseiro insiste en que acabar con estes apoios que reducen o prezo do combustible dos barcos, como pretenden as organizacións ecoloxistas, sería un golpe inasumible para a flota, un sector que soporta xa o impacto económico derivado da pandemia.
Os populares rexistraron unha emenda a unha iniciativa do BNG sobre este mesmo asunto na que –como explicou Balseiro- “pedimos ao Goberno de España que free a proposta da Comisión Europea para modificar a Directiva sobre Fiscalidade da Enerxía, unha normativa que, na súa redacción actual, inclúe a eliminación das axudas aos combustibles do sector pesqueiro”. Para o PPdeG non tería ningún sentido que Europa prohibise estes apoios e moito menos que o faga mentres non se acorde unha posición común no seo da Organización Mundial do Comercio ao respecto destas bonificacións.