Burela, 15 de decembro de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou hoxe a importancia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable e equilibrada durante a súa intervención na apertura da xornada Come San. Come peixe, organizada pola Fundación Expomar en colaboración coa Consellería do Mar.
Arias destacou a necesidade de seguir facendo traballo divulgativo para concienciar á cidadanía sobre os valores nutricionais que ofrecen pescados e mariscos e para enxalzar a pesca como unha actividade sostible e respectuosa co medio ambiente, ademais de resaltar o gran labor que realizan os profesionais do mar e o peso que ten o sector na economía da Mariña.
Nese sentido, o delegado subliñou que a Xunta leva máis dunha década impulsando diferentes iniciativas no ámbito escolar para explicarlles aos máis pequenos a relevancia de comer peixe. Ao mesmo tempo ten en marcha a campaña GALICIA SABE AMAR, para trasladar á cidadanía a calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta a Comunidade, que ofrecen diversidade de formatos e posibilidades para elaborar pratos da máxima calidade tanto nos fogares como na hostalería.
Arias apuntou que baixo esta estratexia global figuran accións máis específicas e campañas puntuais entre as que mencionou a proposta Vai de peixe, desenvolvida a través das redes sociais para chegar aos millenials galegos e incentivar que inclúan o peixe na súa dieta; ou a actividade Cata a lata, en colaboración con Anfaco-Cecopesca e coa que unha food truck percorreu distintas localidades galegas -entre elas Celeiro- para promocionar as conservas de pescado e marisco da Comunidade e dar a coñecer a actividade que realiza o complexo mar-industria de Galicia.
Programa da xornada
Na xornada de hoxe participaron expertos que abordaron cuestións relacionadas cos valores nutricionais do peixe. Así, interviñeron a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC Ángeles Romero, para falar sobre peixe e dieta atlántica; o investigador da USC Nicolás Piedrafita, para afondar na influencia deste tipo de alimentos na poboación xeriátrica; o nefrólogo do Hospital Público da Mariña Secundino Cigarrán, para explicar a importancia da dieta para o ril; e o farmacólogo e nutricionista do Hospital Público da Mariña Juan Latorre, que analizou o manexo nutricional da diabete. O programa tamén incluíu unha degustación de produtos do mar.