En palabras do presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Fran Cajoto, “presentáronse unhas contas equilibradas, que inclúen no capítulo de ingresos unha achega comprometida pola Deputación de Lugo de corenta mil euros para o Plan de Sustentabilidade Turística, 143.608 euros aportados polos 16 concellos a razón de 2 euros por habitante –o dobre que no presente exercicio- e 550 euros doutros ingresos”.
Cajoto dixo que “con este orzamento damos cumprimento, aparte doutros gastos correntes, á inversión que debemos aportar ao Plan de Sustentabilidade no vindeiro exercicio. Constitúe unha verdadeira oportunidade: un plan dotado con 2,225 millóns de euros cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo -1 millón de euros-, Turismo de Galicia -1 millón de euros- e a Mancomunidade, que aporta 225.000 euros, contando tamén cunha achega da Deputación de 81.000 euros”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2022 comezará a rodar, cun obxectivo claro: un turismo de mellor calidade, durante todo o ano, que constitúa unha fonte de emprego estable e duradeira”.
No plenario da Mancomunidade de Concellos da Mariña tratáronse outros temas de interese como a recollida da fracción orgánica de lixo, que se está a estudar facer de forma conxunta, así como a posibilidade de acollemento a unha liña de subvención ao respecto cofinanciada polos fondos Next Generation da Unión Europea e publicada no DOG pola Consellería de Medio Ambiente.