Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa amósase preocupada polo incremento dos contaxios de covid en Ribadeo, pero “orgullosos” porque os sectores hostaleiro, comercial e de servizos están a cumprir coas medidas de prevención de xeito escrupuloso

Ribadeo, 27 de decembro de 2021. En Acisa amósanse preocupados polo incremento dos contaxios de covid en Ribadeo, pero “orgullosos” porque os sectores hostaleiro, comercial e de servizos están a cumprir coas medidas de prevención de xeito escrupuloso.

Francisco Miguel Iriarte Quintana, presidente de Acisa Ribadeo, quixo ser moi claro: “dende Acisa estamos preocupados, pero orgullosos. Como é normal estamos preocupados ante o aumento de persoas contaxiadas por Covid-19 en Ribadeo, que segundo cifras oficiais de hoxe son 50, un numero moi elevado para Ribadeo, xa que estamos a falar dunha incidencia de 500 por cada 100.000 habitantes, pero que non é en absoluto allea ao que sucede no resto de España. Pero tamén estamos moi orgullosos, do noso comercio, da nosa hostalaría e dos nosos servizos, que están a cumprir coas medidas de prevención escrupulosamente, algúns implantando algunhas mais estritas para evitar situacións de risco. Non se verá en Ribadeo, un local que non teña ventilación, que non cumpra os aforos, que nos interiores e terrazas a xente non esta coas mascaras…”.

O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez Prada, indicou: “levamos días preocupados tanto nos coma os hostaleiros, recibindo informacións contraditorias de posibles decisións da Xunta. A 6 días de fin de ano, e habendo hoxe comité clínico, esperamos da Xunta responsabilidade e que non se tomen medidas que prexudiquen a economía local. Se resulta que aos contactos estreitos non se lles obriga a facer corentena para non parar o pais, segundo din, non vaimos agora a pechar actividades económicas por non tomar, por exemplo, esta medida preventiva. É moi fácil pechar, pero abrir un negocio despois dunha situación así, non o é tanto”.

E engadiu: “a dia de hoxe todos temos coñecidos que están afectados pola enfermidade, e que se falas con eles dinche que non hai rastreador ningún, que non hai médicos para chamar, que non saben nin cando acaban as corentenas… polo tanto, dende Acisa esperamos que se aposte por reforzar todos estes sistemas e non pechar certas actividades económicas ou reducir aforos, se non xa poden ir pensando que co posible decreto de peche saia unha orde de axudas multimillonaria para paliar as perdas que podería supoñer tomar estas medidas nas mellores datas do ano. Se gastaramos menos en formigón e algo mais en persoal e servizos canto mellor nos iría”.

Iriarte rematou indicando que “Non somos médicos, nin epidemiólogos, pero está claro que a situación non é a mesma que a de hai un ano, polo que as medidas non poden ser as mesmas. Espero que a Xunta non tome decisións que afecten a ningún sector económico, porque non sei se serán capaces de explicalas. Tamén espero que sexan rápidos aclarando cal vai ser a situación para esta fin de semana e a que ven, todo o sector hostaleiro e por ende comercial, está pendente de saber se vai poder abrir ou pechar, se a xente se vai poder vestir ou non para saír e non creo que sexa algo para esperar a anuncialo maña”.

Exit mobile version