Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de solicitude de subvencións por concorrencia competitiva para as asociacións culturais de Ribadeo

Ribadeo, 14 de decembro de 2021. O Concello ten aberto o prazo de solicitude de subvencións por concorrencia competitiva para as asociacións culturais.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “ao igual que outras áreas do Concello, tamén a Concellaría de Cultura abriu a posibilidade de, as entidades inscritas no rexistro de asociacións, solicitaren unha axuda para o financiamento de actividades culturais que organizasen neste 2021”.

Otero Cabarcos explicou que “estamos a falar das subvencións de concorrencia competitiva,pois tamén as hai nominativas, é dicir que o importe reservado neste caso (3.600 euros) se repartirá entre as que se presenten e segundo o baremo que figura nas bases. Esta información, que inclúe tamén os modelos a cubrir, atópase no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ribadeo. E tamén se pode solicitar na oficina de Cultura, na casa do Viejo Pancho”.

A edil ribadense indicou que “o anuncio no BOP publicouse o 7 de decembro e hai 15 días naturais para presentar a solicitude. Sabemos que as axudas mediante subvención posibilitan as programacións de actividades das diferentes entidades e con isto apóiase a interacción social e cultural da veciñanza. Por iso desde a Concellaría de Cultura estamos poñendo ao día as subvencións pendentes de anos anteriores que, por diversos motivos, se foran retrasando e de feito moitas asociacións veciñais e culturais xa foron vendo nestas últimas semanas como se foi ingresando cada un dos importes concedidos, sumando en total polo momento máis de 46.000 euros”.

Exit mobile version