Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 9 ofertas para executar as obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro e completar o tratamento das augas na ría de Viveiro, obras que foron licitadas por máis de 3,8 millóns de euros
Das 9 ofertas presentadas, 8 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 18 empresas.
Os traballos consisten na execución dun novo bombeo e dun depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais de Celeiro cara ao novo pretratamento da depuradora.
Máis en detalle, executarase un bombeo cun tanque de tormentas de 650 m3 de volume útil que substituirá o actual bombeo de pretratamento de Celeiro, e desde o que se impulsará a auga ata o novo pretratamento de Viveiro. Permitirá a laminación tanto nas puntas durante o día como nos caudais en tempo de choiva.
Así mesmo, construirase unha nova condución de desaugue submarino que se conectará ao actual tramo terrestre existente e que funcionará por gravidade a través dunha cámara de carga situada a continuación da desinfección da depuradora.
Esta nova actuación de saneamento de Celeiro súmase ás obras de mellora da condución de vertido submarino á estación depuradora de augas residuais de Viveiro, que está a ser ampliada para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.
Deste xeito, as obras obxecto deste contrato completarán os traballos de saneamento da ría de Viveiro, que suporán un investimento conxunto da Xunta de preto de 8 millóns de euros.
O avance das obras na depuradora
As obras na planta depuradora están xa moi avanzadas e prevese que poida iniciarse a posta en marcha en probas a comezos de ano. A intervención, cun investimento de preto de 4 millóns de euros, permitirá ampliar en case un 50% a súa capacidade para que poida prestar un mellor servizo ao núcleo de Viveiro e sumar ademais o de Celeiro.
Os traballos na depuradora céntranse na dotación dun novo pretratamento de dúas liñas, con procesos de desareado e desengrasado; a construción dunha terceira balsa do reactor biolóxico e un novo edificio para as soplantes necesarias para a reacción desas balsas e os bombeos.
Tamén se leva a cabo a instalación dun novo sistema de desinfección por cloración, ademais de melloras na liña de lodos. Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A Xunta segue a traballar polo saneamento da ría de Viveiro, apoiando ao Concello nas súas competencias, como tamén prevé facer nos municipios de Foz, de Burela ou de Barreiros.