Logo de sinalar que esta nova medida enmárcase na importante reforma na relación entre o sistema sanitario e o social de Galicia, Feijóo anunciou a creación de dúas figuras, un profesional de referencia para cada residente e familia e o xestor de casos sociosanitarios, que será habitualmente un profesional da enfermaría e que enlazará a atención social e a sanitaria que recibe cada usuario.
Así mesmo, explicou que se está a traballar en cinco avances importantes neste mesmo eido. Por unha banda, a posta en marcha das primeiras unidades de coidados intermedios, para as persoas que necesitan unha atención específica durante un tempo, tras recibir a alta hospitalaria, pero que non deben ingresar nunha residencia. Por outra, o establecemento de vías prioritarias para o acceso ás Urxencias e ao hospital de día para os usuarios, e o establecemento dun “código residencia” para o 061, que identificará as chamadas que proveñen destes centros.
Do mesmo xeito, implantarase a historia clínica electrónica para que o persoal sanitario dos centros de maiores e o da atención primaria e hospitalaria teñan a mesma información. Ademais, estenderase a compra farmacéutica centralizada para que todas as residencia de máis de 90 prazas poidan acceder á medicación sen que o medico de atención primaria deba facerlles a receita. E, por último, será obrigatorio que todas as residencias conten cun plan de continxencia validado pola Xunta.
“Do que se trata é de aprender das leccións que nos trouxo a pandemia e que quede para sempre unha relación directa e fluída entre as residencias de maiores, os centros de atención primaria e os hospitais”, aseverou.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén puxo de manifesto como a esperanza de vida media dos galegos, máis de 83 anos -case 85 no caso das mulleres-, “loa o noso estilo de vida, pero tamén é unha loa ao sistema de atención aos maiores e ao propio sistema de saúde”. Así, e en presencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a importancia de levar os servizos alá onde vive a xente, salientando que o feito de reunir na nosa Comunidade a metade dos núcleos de poboación de toda España supón que calquera proposta de financiamento autonómico deba ter en conta o envellecemento e a dispersión.
Residencia de maiores completa e novo centro de saúde
Todo isto o presidente explicouno durante a súa visita aos apartamentos tutelados de Antas do Ulla, unha infraestrutura sociosanitaria que vai dar paso a unha residencia completa, pasando de 16 a 58 prazas: “Unha das grandes residencias da provincia de Lugo, con máis persoal e máis emprego”, destacou. Trátase dun investimento do Goberno galego de máis de tres millóns de euros para unhas obras que durarán 18 meses e que comezarán en 2022.
Na mesma liña, Feijóo avanzou outro compromiso adicional da Xunta con Antas do Ulla, en coherencia co que se vén de concretar. Referiuse ao reforzo, reforma e ampliación do centro de saúde do municipio, que triplicará o tamaño do que hai hoxe -de 320 metros cadrados a 850- e para o que xa hai, para a súa licitación, unha reserva de 400.000 euros nos orzamentos de 2022.
Agradecemento aos profesionais do SAF
O titular do Executivo autonómico aproveitou a súa visita ao municipio lugués para participar na entrega da I edición da Medalla de Ouro do Concello de Antas de Ulla ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A todos os profesionais, agradeceulles que fagan realidade o modelo de envellecemento que queren os galegos: “O SAF en toda Galicia é unha inspiración para todos”.
Así, Feijóo concluíu lembrando que desde 2009 Galicia multiplicou por 16 o número de persoas que se benefician del -de 1500 ás máis de 24.000- e destacando que nesta lexislatura fíxose unha inxección adicional de 70 millóns de euros.