Lugo, 30 de decembro de 2021. A Consellería do Medio Rural pagou na provincia de Lugo 82 millóns de euros (82.242.223 euros) de achegas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2021-22, que benefician a preto de 10.900 agricultores e gandeiros lucenses.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que o 87,6% do total (72 millóns de euros) corresponde a pagos directos financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), en concreto ás liñas correspondentes ao pago básico, pago verde -que atende a criterios de coidado ambiental-; axudas a explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de leite e os apoios para pequenos agricultores e para mozos que comecen a súa actividade.
O 12,3% restante pertence ás medidas de desenvolvemento rural que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). En concreto, distribuíronse na provincia de Lugo 10,1 millóns de euros en axudas asociadas a zonas con limitacións naturais -6,1 millóns para áreas de montaña e case 4 millóns pola submedida de zonas distintas de montaña-.
Arias precisou que as axudas da PAC ingresadas en Lugo supoñen o 50,15% do total repartido en Galicia, o que “pon de manifesto a dimensión do sector primario na nosa provincia e a importancia destas achegas para modernizar e ampliar as explotacións agrícolas e gandeiras”.
Fixo fincapé en que un ano máis, Galicia situouse entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC, tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo.
Reparto por comarcas
En canto ao reparto por comarcas, o delegado apuntou que o 25,6% dos abonos efectuados na provincia (algo máis de 21 millóns de euros) corresponden á Terra Chá, a onde pertence o concello que sumou máis ingresos, o da Pastoriza, que xa recibiu 4,1 millóns de euros da PAC do 2021.
En segundo lugar está a comarca de Lugo, que asume o 17,7% da contía total (14,5 millóns de euros). Lugo é ademais o segundo municipio da provincia con máis axudas pagadas (case 3,8 millóns).
Pola súa banda, a área de Sarria ingresou 13 millóns de euros (o 15,8% dos pagos realizados) e o concello de Sarria é o terceiro lucense que máis cartos percibiu (preto de 3,7 millóns).
Así mesmo, a PAC inxectou 10,6 millóns de euros na Zona Sur (roza o 13% da provincia); 8,8 millóns nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares (o 10,7% do total); 6,8 na Mariña (8,2%); 3,9 millóns na Ulloa (4,8%) e case 3,3 millóns na área de Meira (4%).
Por último, seis concellos da provincia superan os 3 millóns de euros de ingresos da PAC pagada este ano. Así, á Pastoriza, Lugo e Sarria séguenlle Castro de Rei (3,3 millóns), Vilalba (3,1 millóns) e Guitiriz (algo máis de 3 millóns).