Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2021. A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais ao rego do Forcón, en San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros.
O foco foi identificado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos no transcurso dunha revisión rutineira da rede fluvial, identificando a súa orixe nun punto de vertido de augas residuais desde un pozo da rede de saneamento municipal.
Augas de Galicia comunicoulle esta situación ao Concello de Barreiros para que procedera a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.
Os inspectores autonómicos supervisaron as actuacións realizadas para emendar o foco, que consistiron no desatranco do colector que provocaba o vertido, tras enviar o Concello un camión motobomba á zona.
Nunha inspección recente, os técnicos comprobaron o cese do vertido de augas residuais ao río.