Lugo, 23 de decembro de 2021. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, investiu na provincia de Lugo 1.157.000 euros para a reactivación do deporte a través de 386 axudas directas a clubs ao longo deste ano.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que a actividade deportiva sufriu unha completa paralización por mor da pandemia entre marzo e xuño de 2020, e un posterior regreso condicionado polas restricións sanitarias. A Xunta -apuntou- “traballou cos clubs e impulsou axudas destinadas á compensación das perdas pola caída de ingresos derivados da redución de aboados e público, ou a afrontar as cotas federativas”.
Así, Arias explicou que o Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a resolución de axudas directas a federacións deportivas, clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para a reactivación da actividade deportiva competitiva no contexto da Covid-19. Esta liña de axudas directas orbita sobre un triplo pivote. Por unha banda, ocúpase das cotas federativas que dan dereito á participación de clubs e deportistas nas competicións deportivas oficiais, tanto autonómicas como estatais non profesionais, sumando un total de 537.078 euros na provincia de Lugo; un impulso máis que necesario para reactivar a actividade federativa de cada un dos 201 clubs lucenses beneficiarios.
Por outra banda, ocúpase tamén da minoración dos ingresos obtidos polas entidades deportivas como consecuencia da paralización e peche da actividade, ou do seu desenvolvemento con limitacións de público e capacidade, cunha consecuente rebaixa do montante obtido na venta de billetes e abonados. En total, son en Lugo 129.439 euros para 12 clubs.
Por último, establécese tamén un recoñecemento dos esforzos realizados por aquelas federacións deportivas galegas que, no obxecto de protexer a súa respectiva competición, adoptaron medidas para favorecer a inscrición dos equipos e deportistas. Son 145.362 euros para trece federacións deportivas de ámbito galego que minoraron as súas cotas para non cargar a responsabilidade do Covid sobre os deportistas.
Seguridade e prevención
Ademais da devandita resolución, o pasado mes de agosto, a Secretaría Xeral para o Deporte resolvía a convocatoria de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19. Nesta segunda liña de actuación -directamente vinculada a sufragar os gastos ocasionados pola pandemia- destináronse na provincia lucense 262.210 euros que beneficiaron a un total de 107 entidades.
Equipamentos
A liña de subvencións para a adquisición de equipamentos no ano 2021 contou cunha orde extraordinaria de 1,9 millóns de euros, resolta hai semanas, dos que 228.413 euros recalaron en Lugo. Esta convocatoria foi a primeira cuxos fondos foron destinados á reactivación do deporte galego e mesmo incluíu a posibilidade de sufragar material sanitario como equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.). En total foron beneficiadas nesta liña 66 entidades lucenses.
Arias subliñou que a Secretaría Xeral para o Deporte “apoiou dende o primeiro momento ao tecido deportivo galego na procura de material de protección, como máscaras e xeles, e na elaboración de protocolos de seguridade para as distintas modalidades ou guías de actuación”, como ‘Volvendo con sentidiño’ e as ‘Pílulas solidarias’.