Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que Galicia e A Mariña precisan un compromiso claro por parte do Goberno e de Alcoa para que se reactive canto antes a planta de San Cibrao, porque esa ten que ser a máxima prioridade: “Se é en 2022, mellor que en 2024”.
Así o manifestou nunha xuntanza que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela, na que tamén participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a propia empresa e representantes dos traballadores, para avaliar a situación que ten por diante a factoría de Alcoa na Mariña.
Conde asegurou que esta reunión deixa unha imaxe para a reflexión, porque é “unha mala noticia” que a única planta en España que produce aluminio primario pare a súa produción; “algo que nin traballadores nin Xunta queremos”, dixo, e que atribuíu á incapacidade do Goberno central para fixar un prezo eléctrico competitivo que garanta o futuro de Alcoa San Cibrao.
Aínda que o acordo adoptado entre empresa e traballadores recolle iniciativas concretas en materia de investimentos na factoría e no ámbito laboral, o vicepresidente económico lembrou que a nivel enerxético “non xera confianza” e o único que fai é “pospoñer a solución”, que non é definitiva.
Por todo iso, a Xunta considera necesario que o Goberno se sente con Alcoa para xestionar unha PPA e as medidas adicionais precisas para contar cun prezo eléctrico competitivo e poder reactivar a planta. E, para iso, outra das prioridades debe ser que, a partir de agora, en todas as reunións estea presente o Ministerio para a Transición Ecolóxica. En primeiro lugar, por ser responsable de establecer un marco regulatorio que poida acompañar as necesidades da industria electrointensiva. E, en segundo lugar, apuntou Conde, porque gran parte dos parque eólicos que poderían dar cobertura enerxética a Alcoa son parques que terán que ser tramitados necesariamente polo Goberno por ser de máis de 50MW.
Un prezo eléctrico competitivo
Conde insistiu nos custos que está a ter actualmente a política enerxética do Executivo central, que está a poñer en risco determinados sectores da industria galega e que leva ao peche a empresas concretas como Alcoa ou Vestas, que hai dous anos operaban con normalidade, lembrou. “Entendemos que o Goberno debe rectificar a política enerxética e, sobre todo, debe garantir que esa política enerxética pode acompañar as necesidades da industria”, asegurou.
“Na medida en que estamos ante unha crise enerxética cun prezo eléctrico absolutamente descompensado con respecto aos nosos principais competidores, o mellor plan industrial que pode ter A Mariña é que o Goberno fixe un prezo eléctrico competitivo e traslade ás empresas que poden competir en igualdade de condicións que o resto de países de europeos”, abondou.
“Hoxe toca deixar atrás esa confrontación entre o Goberno e Alcoa”, recoñeceu, para apelar a “non caer na autocompracencia” porque “non hai nada feito”, polo que ratificou que a Xunta vai seguir traballando con espírito construtivo, ao lado dos traballadores e achegando os apoios necesarios.
Alu Ibérica
Neste contexto, o vicepresidente económico demandou tamén “unha implicación real” do Ministerio de Industria e de Alcoa na resolución do conflito de Alu Ibérica. “Non sería razoable pensar que o Goberno de España se está sentando con Alcoa para buscar unha solución parcial para a planta de San Cibrao cando hai outra planta como é Alu ibérica que está directamente vinculada coa súa política enerxética”, dixo Conde, quen pediu unha xuntanza entre todas as partes que permita “traballar en paralelo” nunha solución para a planta da Coruña.