Trátase dos municipios coruñeses de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.
Doutra banda, pasa a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha e Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, na localidade de Cariño.
Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias de Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada.
En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.
Zonas infestadas
Doutra banda, incorpórase a parroquia da Pedra, no concello coruñés de Cariño, á zona infestada pola existencia de couza. Esta área súmase ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo.
En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona.
Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211210/AnuncioG0426-301121-0003_gl.html