Viveiro, 30 de decembro de 2021. O Concello de Viveiro viña prestando desde hai máis dunha década un servizo de autobús do que se beneficiaban veciños e veciñas de diversas parroquias.
O Concello de Viveiro cubría deste xeito a carencia existente, ao tratarse dunha ruta que quedara fóra do transporte urbano da Xunta de Galicia, facéndose o concello cargo da mesma.
Agora, a Xunta de Galicia volve a incluír esta liña de autobús, adxudicada á empresa Autobuses de Viveiro-Otero SL, e polo tanto, para evitar duplicidades, a partir do 1 de xaneiro de 2022 o Concello de Viveiro deixará de prestar o servizo municipal de autobús entre a parroquia de Boimente e a estación de autobuses de Viveiro, que viña realizándose a través da empresa Morán.
Esta nova liña de autobús, coas tarifas establecidas pola Xunta de Galicia, terá o seguinte horario e frecuencia:
– Saída dende Abuín (Boimente) ás 8:00 horas, con parada na Estación de Autobuses de Viveiro, de luns a venres, agás festivos. Esta liña funcionará fóra do periodo lectivo de ensinanza obrigatoria.
-Saída dende Abuín (Boimente) ás 10:00 horas, con parada na Estación de Autobuses de Viveiro, de luns a sábado, durante todo o ano.
-Saída dende a Estación de Autobuses de Viveiro ás 12:00 e ás 13:45, con destino ao lugar de Abuín (Boimente), de luns a venres, en período lectivo de ensino obrigatorio.