Lugo, 24 de decembro de 2021. A Vicepresidencia da Deputación financia máis de 135 actividades culturais e de actuacións de mellora en locais sociais nas distintas comarcas a través axudas de concorrencia competitiva para asociacións. Este xoves publicouse no Boletín Oficial da Provincia a resolución definitiva da concesión das subvencións, que suman un importe de 200.000 euros.
130.000 euros destínanse a financiar actividades desenvolvidas polos colectivos culturais, desde actividades de formación e difusión da música tradicional, certames literarios, xornadas divulgativas ou festivais ata publicacións e producións audiovisuais.
71.000 euros distribúense entre os colectivos que solicitaron axudas para realizaren melloras nos seus locais sociais. Así, a área de Cultura financia adquisición de mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou intrumentos musicais e tamén traballos de restauración e reforma ou de mellora do illamento térmico así como a instalación de sistemas de calefacción.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “as asociacións e colectivos reciben a través destas liñas de axuda un apoio económico que contribúe a manter a súa actividade, fundamental para garantir o acceso á cultura en todo o territorio”.
Nese sentido, a responsábel nacionalista apuntou que “a maioría das beneficiarias son asociacións de ámbito parroquial ou de municipios pequenos que ofrecen a posibilidade de desfrutar e de participar da actividade cultural máis aló das grandes vilas das distintas comarcas”
Maite Ferreiro valorou que “as asociacións aposten por propostas que involucran á veciñanza, non só como público, tamén como creadora” e concluíu que “a listaxe de beneficiarias devolve a imaxe dun rural dinámico, participativo no que a cultura debe ser un axente de desenvolvemento integral do territorio”.
A resolución definitiva, coas cantidades asignadas a cada entidade, pode consultarse en cultura.deputacionlugo.gal, no apartado Programas de Axudas, onde, ademais da listaxe de beneficiarias, figuran os formularios para xustificar as subvencións concedidas. As asociacións teñen ata o 31 de marzo para presentaren a documentación requerida.