Site icon Crónica3.com A Mariña

A UNED de Foz organiza unha exposición sobre a emerxencia climática

Foz, 18 de decembro de 2021. A UNED de Foz organiza unha exposición sobre a emerxencia climática, que está aberta ao público no Cenima de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ata o 17 de xaneiro.

Os organizadores da mostra explican que “a exposición Emerxencia climática: feitos e datos, enfocada desde a educación ambiental e baseándose en información científica contrastada, pretende proporcionar os fundamentos básicos que argumentan a crise climática que vivimos. Preséntase como un percorrido secuencial, pero tamén pode facerse un achegamento á exposición tendo en conta catro grandes bloques de contidos diferenciados: bases de coñecemento climático; desde o global até pisar o noso territorio; motivos para a esperanza, proposta de acción; e estratexias, alianzas e actores para a emerxencia climática.

A coordinadora da Aula Universitaria de Foz, María Fuensanta Otero, di que “a educación ambiental debe converterse nunha base privilexiada para elaborar un novo estilo de vida. Terá que ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na complexa e solidaria tarefa de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio”.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anima e invita a todos os colexios da Mariña a acudir a exposición xa que “a educación e concienciación dos máis novos prima por encima de todo tendo en conta que eles son o noso futuro”.

Exit mobile version