Alfoz, 18 de decembro de 2021. A Secretaría Xeral para o Deporte investiu 20.000 euros na instalación dunha pista de pádel en Alfoz. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos xunto co alcalde, Jorge Val, entre outros, e explicou que a Xunta achegou o 80% do orzamento e o concello o 20% restante.
O delegado subliñou a importante colaboración que presta o Goberno galego aos concellos, especialmente aos máis pequenos, “para poñer a disposición dos veciños e veciñas dotacións deportivas públicas de calidade”. Engadiu que o pádel é unha modalidade moi demandada, “e a oferta de instalacións debe ser coherente coas preferencias dos usuarios para incentivar a práctica de exercicio físico no marco dun estilo de vida saudable”.
A pista de pádel de Alfoz conta coas medidas regulamentarias, está construída ao aire libre e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso.
A Secretaría Xeral para o Deporte investiu este ano máis de 32,4 millóns de euros, dos que 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestruturas deportivas, o que supuxo un incremento do 118% con respecto ao 2020.