Site icon Crónica3.com A Mariña

A Sala de Exposicións do Complexo Histórico e Artístico de Sargadelos acolle este sábado o Mercado de Nadal

Cervo, 16 de decembro de 2021. A Sala de Exposicións do Complexo Histórico e Artístico de Sargadelos acolle este sábado 18 de decembro a segunda edición do Mercado de Nadal.

No mediodía de hoxe a concelleira de cultura, Dolores García, o concelleiro de Turismo, David Rodríguez e a xerente de Marmeladas A Morena, un dos locais organizadores xunto con Serea Surfboards e Pasiños na Lúa, presentaron o programa de actividades para este sábado.

O mercado, organizado polos tres negocios artesáns afincados no conxunto histórico, conta coa colaboración do Concello de Cervo, o Bar Figueirido, o Ultramarinos A Campanilla, O Caseto de Copa e a Pousada O Almacén.

A xornada contará con diferentes actuacións culturais que comezan, ás 11:30H, coa percusión africana de Mapato. Ás 12:15H será a quenda para a contacontos Olga Abad e ás 13:15H Verónica Cambón ofrecerá un concerto para todos os asistentes.

Xa pola tarde, Mapato volverá a mostrar as súas dotes coa percusión africana ás 16:00H; ás 17:00H o mago Jorge maravillará a todos os presentes cos seus trucos e ás 17:30H Fol do Raxal pechará o programa de actuacións co seu repertorio de música tradicional. Como remate final, ás 19H haberá un sorteo de agasallos entre todos os presentes no mercado de nadal.

Apunta a concelleira de cultura, Dolores García Caramés: “con este evento conseguimos promover a actividade no Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos, e máis nunhas datas tan especiais como as navideñas”.

“Desde o Concello de Cervo animamos, tanto á veciñanza como aos visitantes, a gozar dunha xornada navideña do máis especial este próximo sábado en Sargadelos” engadiu.

Exit mobile version