Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa aproba a renovación da súa directiva, da que forma parte Jesús Fernández, tenente de alcalde do Concello de Viveiro

Viveiro, 15 de decembro de 2021. A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua aprobou en asemblea a renovación da súa Xunta Directiva, na que o 1º tenente de alcalde do Concello de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, continúa mantendo o seu cargo de tesoureiro da asociación.

Na asemblea xeral celebrada na mañá de onte, día 14 de decembro, de maneira virtual, aprobouse a renovación da Xunta Directiva da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua para os próximos dous anos. A presidencia recaeu na alcaldesa de Priego de Córdoba, María Luisa Ceballos.

A presidenta anterior, Rosario Andújar Torrejón, alcaldesa de Osuna, asume dende agora o cargo de vocal, manténdose tal e como estaban os restantes cargos da directiva.

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, á que pertence o Concello de Viveiro, creouse en 2019 e o seu obxectivo é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua a través de accións que poñan en valor este patrimonio, impulse entorno ao mesmo un desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardar o patrimonio inmaterial a través do traballo científico e de investigación.

Do mesmo modo, o seu principal fin é unir esforzos e sinerxías para consolidar un modelo de estudo, salvagarda e difusión do patrimonio das tradicións da Semana Santa e Pascua en Europa.

Exit mobile version