Lugo, 28 de decembro de 2021. A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que exerza as súas competencias e que impulse medidas de apoio para os traballadores e traballadoras afectados polo peche da planta de Vestas, en Viveiro. Así o acordou este martes o Pleno da Corporación provincial coa aprobación dunha moción do grupo do PSdeG, que contou co apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.
Grazas á proposta socialista, a Deputación tamén reclamará ao Goberno autonómico un plan de reindustrialización para a comarca da Mariña con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados.
A Deputada pola Mariña e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, amosou o seu apoio aos traballadores e traballadoras e ás súas familias e aos postos de traballo que Vestas ten en Viveiro, pedindo unha “actuación urxente para defender o emprego dos máis dun cento de traballadores e traballadoras que o día 31 se van á rúa”. María Loureiro incidiu en que “a Xunta de Galicia, como responsable das competencias industriais, debe poñer sobre a mesa algún Plan de Industrialización para A Mariña que solvente os problemas que se están dando nesa zona e sobre todo en relación coas empresas alí instaladas”.
Nos últimos 12 anos, co PP na Xunta, o sector industrial galego perdeu arredor de 20.000 empregos co peche de grande empresas do sector industrial, e o seu peso no conxunto do PIB, que leva en caída moitos anos, redúcese a apenas un 16%. “Vestas recibiu varias axudas dende a chegada de Feijóo ao Goberno autonómico, pero non cumpriu cos obxectivos e tivo que reducirse a contía económica”, explicou a Deputada.
Loureiro destacou que “agora o Goberno autonómico presume dun investimento de 490M€ para a Consellería de Industria en 2022, e nós o que lles dicimos é que se poñan a traballar, garantindo o emprego na Mariña e dos traballadores de Vestas, poñendo en marcha un plan de reindustrialización na Mariña. A Xunta entregou en 2010, coa chegada de Feijóo ao Goberno, unha achega pero non cumpriu os obxectivos. O mesmo pasou en 2018, e tivo que virse reducida a achega económica establecida inicialmente”, explicou a Deputada.
A Xunta debe cumprir co que establece o Estatuto de Autonomía
“A Xunta terá que revisar o que está facendo. Vai sendo hora de que, despois de gobernar máis de 33 anos nesta autonomía, faga un Plan Industrial e execute o que o Estatuto galego establece. Está demostrando unha inutilidade absoluta no terreo industrial en Galicia e neste caso tamén na Mariña, na provincia de Lugo”, indicou a representante mariñá.
Con esta proposta, o grupo provincial do PSdeG quere que a Xunta cumpra coas competencias atribuídas no artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia e poña en marcha medidas que garantan o emprego, revisen a política de concesión de axudas para que se vinculen á permanencia do territorio e se leven a cabo mecanismos para recuperar as axudas concedidas en caso de que as empresas decidan marchar do territorio por estratexias globais alleas á marcha das instalacións.
Esixen tamén un plan de reindustrialización da Mariña que recolla accións concretas, orzamentos e calendario de execución. “Un plan que debería estar enfocado para que a zona acade a maior participación posible nos fondos Next Generation, e basearse no diálogo cos axentes sociais, o tecido produtivo, os sindicatos e os alcaldes e alcaldesas da zona”, asegurou María Loureiro.