413 postais de escolares
En canto aos centros escolares, o alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Pol, CPI Plurilingüe de Castroverde, CEIP Plurilingüe Santa María de A Fonsagrada, CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e CEIP Celso Currás de Trabada participaron nesta iniciativa interxeracional. Recibíronse 413 postais moi elaboradas e feitas con cariño e dedicación.
As persoas usuarias dos centros leron as mensaxes que lles enviaron os rapaces e rapazas con agarimo. Todas elas atópanse expostas nos centros, facendo con elas árbores de Nadal.
Dado que actualmente as pequenas e pequenos non poden acudir aos centros, as persoas usuarias enviáronlles vídeos de agradecemento e felicitación. Pola súa banda, a Deputación fíxolles chegar agasallos aos participantes, recoñecendo así o importante xesto que fixeron e a alegría que trasladaron ás residencias. No caso do CAM de Trabada, os propios usuarios e usuarias fixéronlle entrega dos obsequios de maneira persoal aos cativos e cativas.
Conto para os nenos e nenas trabadenses
Os usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores de Trabada elaboraron un conto que gravaron para poder proxectar aos escolares do CEIP Celso Currás da localidade. A directora do centro visitou o colexio para explicarlles como fora feito e os detalles desta actividade e, á súa vez, contoulles outro conto.
Visitas do Apalpador e de Papá Noel
Ao longo desta semana o Apalpador e Papá Noel visitarán aos residentes e aos traballadores e traballadoras dos Centros de Atención a Maiores da Deputación. Está previsto que mañá estean nas residencias de Castroverde e da Fonsagrada; o mércores, día 22, nas de Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Meira; e xoves 23, na de Pol.
Nas súas visitas entregaranlles aos residentes agasallos que estes dous protagonistas do Nadal na provincia lle encargaron facer á man a outros residentes da Rede de Centros de Maiores. Desta maneira, producirase un intercambio de obsequios.
Benestar emocional
Dende a área de Benestar da Deputación destacan a importancia para o benestar emocional dos residentes o feito de facer actividades deste tipo e de festexar celebracións ao longo do ano, con especial atención nas datas de Nadal. Así mesmo, é unha boa maneira para achegar ás persoas maiores e aos nenos e nenas, que se escribiron mensaxes e cartas moi sentidas.
Indican que serven para que os residentes saian da rutina, algo fundamental porque teñen unha motivación específica para mellorar a súa autoestima e súa calidade de vida. Así mesmo, axuda a aliviar o estrés e o deterioro cognitivo que produce esta pandemia e o non poder relacionarse como se facía antes coas súas familias e amizades.