O comité, reunido hoxe no Salón de Actos, está integrado polas deputadas de Réxime Interior, Pilar García Porto, e de Igualdade, María Loureiro, por persoal das áreas provinciais de Recursos Humanos e de Igualdade, e por representantes sindicais dos traballadores e traballadoras da institución.
A constitución deste grupo de traballo é un paso máis dentro do procedemento para sacar adiante o Plan de Igualdade, ao que se suma a celebración o pasado venres dunha Xunta de Voceiros e Voceiras na que todos os grupos da Corporación se mostraron a favor da iniciativa. Así mesmo, a Deputación traballa xa nun estudo de diagnose da situación actual do organismo en materia de igualdade, que servirá para detectar as medidas de mellora a incorporar no Plan.
O Plan de Igualdade abordará materias como o proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, comunicación e linguaxe non sexista, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a baixa representación feminina e a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo.
Pilar García Porto recordou que a Deputación busca “favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, utilizando para elo todas as ferramentas ao noso alcance”. Unha vontade que quedou recollida no pacto de Goberno, e que se aplica nas políticas de igualdade de maneira transversal na xestión da institución provincial. “Ademais, por decisión do Presidente da Deputación, este mandato é o primeiro no que esta institución conta cunha área específica de Muller e Igualdade, dirixida pola Deputada María Loureiro”, engadiu a Deputada.