Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación concede 285.000€ para actuar en 5 rúas de Ribadeo

Ribadeo, 10 de decembro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito tras a aprobación hoxe na xunta de goberno da Deputación de Lugo dunha achega de 285.000 euros para actuar en 5 rúas: Camiño da Pega, A Pega-Camiño do Cemiterio, Camiño da Ponte da Pega, Rúa do Río de Amalló e Veigadaira. Os traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento.

O rexedor contou que “desde o Concello vimos traballando nestes últimos anos nunha mellora nos diferentes barrios da nosa vila. E así na parte mais ao sur da mesma, a que limita entre o Cemiterio, o Campo de fútbol e mais a circunvalación, existe un amplo sistema viario que levaba moitos anos sen mellorar. Nestes últimos tempos xa actuamos en varias destas rúas aínda que a parte máis importante ficaba sen facer”.

Suárez Barcia dixo que “para iso, levamos meses de intenso e discreto traballo técnico para artellar uns proxectos de mellora destes viarios públicos. E evidentemente isto supón unha cantidade económica moi importante que o Concello non pode asumir unicamente, dado que hai que ter en conta que non se trata só de viarios interiores, senón tamén de paso do Camiño de Santiago, de intercomunicación da vila coas parroquias, etc, polo que solicitamos da Área de Medio Rural da Deputación unha axuda económica para esta importante actuación”.

O alcalde manifestou: “por iso, estamos moi ledos de que na xunta de goberno provincial desta mañá, aprobouse unha importante achega de 285.000 euros para este proxecto que o técnico municipal establece nuns 300.000 euros. As actuacións desenvolveranse, concretamente, nas rúas Camiño da Pega, A Pega-Camiño do Cemiterio, Camiño da Ponte da Pega, Rúa do Río de Amalló e na Veigadaira. Estes traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento”.

Fernando Suárez engadiu: “é unha actuación que se realizará nos vindeiros meses, importantísima e que vai cambiar esa zona para ben, que estaba bastante degradada desde hai moito tempo. Sabíamos que a veciñanza nos pedía axuda e así o estivemos facendo, pero era necesario un impulso decisivo como o que agora imos dar”.

Exit mobile version