“Dende o Concello queremos aproveitar os recursos que chegan de Europa para paliar a crise sanitaria que estamos vivindo e da que aínda non nos recuperamos” para impulsar a creación dun polígono en Trabada. “En calquera convocatoria que se fai, o primeiro que se solicita é a dispoñibilidade dos terreos, que teñen que certificar os secretarios municipais. Polo tanto, con este acordo podemos acreditar esa dispoñibilidade e por iso vén a aprobación a este Pleno”, explicou Mayra García, quen detallou que xa no mes de outubro “solicitamos fondos do programa Next Generation promovido polo Estado, en concreto, dentro do plan de apoio ao comercio para concellos de menos de 5.000 habitantes, e tamén concorremos a outras liñas de fondos europeos”.
Blindaxe do modelo público de residencias
Por outra banda, a Corporación provincial aprobou hoxe por unanimidade as addendas correspondentes para prolongar ata o ano 2025 os convenios de colaboración da Deputación con 12 concellos da provincia para implantar e executar o modelo asistencial dos centros de atención a maiores. A vixencia destes acordos remataba no 2022, polo que, co acordo adoptado hoxe, a Deputación blinda o seu apoio aos concellos para manter as residencias que están hoxe en funcionamento e abrir as que están previstas, así como o modelo de prestación do servizo, 100% público e en cooperación coas entidades locais, que pon no centro ás persoas, favorecendo o benestar e o arraigo dos maiores, así como a creación de emprego e a dinamización da economía local.
Os concellos beneficiados pola ampliación da vixencia destes convenios son os seguintes: Trabada, Pol, A Fonsagrada, Ribadeo, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Ribas de Sil, Navia de Suarna, A Pontenova, Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón.
Con respecto aos outros concellos nos que a Deputación tamén ten comprometidas residencias, a vixencia dos convenios asinados rematan en anos posteriores e, no seu momento, tamén serán renovados.
A Deputación de Lugo abriu neste mandato catro novas residencias públicas na provincia, na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que se suman ás que xa estaban en funcionamento, en Trabada, Ribadeo e Pol. Para o vindeiro ano, ten previsto poñer en marcha os centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de continuar traballando nos proxectos que xa están en marcha, como son os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros. O investimento que fará a Deputación o vindeiro ano 2022 no funcionamento das actuais residencias e nos avances dos proxectos en marcha alcanza os 10 millóns de euros.