Foz, 10 de decembro de 2021. A biblioteca pública municipal Salgado Toimil, de Foz, amplía o seu horario, desde o vindeiro luns, día 13 de decembro.
A tenente de alcalde e concelleira de Cultura en Foz, Inés López Couto, explica que “a biblioteca manterá abertas as súas portas en horario de mañás de luns a venres de 8.30 a 14.20 horas e en horario de tardes de luns a xoves de 15 a 20 horas. Isto resulta posible grazas a que o Concello vén de cubrir unha baixa no persoal adscrito á biblioteca a través da bolsa de emprego. O servizo de biblioteca en horario de tardes é moi demandado, tanto por aqueles que non poden acudir ao servizo de préstamo polas mañás -entre os que están todas as nenas e nenos, en xornada lectiva- como polos estudantes de oposicións ou carreiras universitarias. Estamos traballando para continuar mellorando o servizo, pero polo momento as tardes dos venres a biblioteca permanecerá pechada porque na actualidade, polos protocolos COVID establecidos, a Casa da Cultura está ocupada os venres á tarde polas actividades da Escola Municipal de Música Arcadio Mon”.
“Queremos dar un impulso á cultura e á lectura, para o que estamos preparando distintas iniciativas e actividades que iremos dando a coñecer”, engadiu Inés López Couto.