O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo que “mañá realízase unha nova edición da San Silvestre, que será a 31. Nesta cita participarán uns 525 inscritos dentro das catro modalidades que todos os anos vimos facendo. O percorrido vai ser o habitual na carreira dos cinco quilómetros. Vai polas distintas rúas do casco urbano, chegando ao Cargadeiro e dando a volta para rematar diante do Concello”.
O edil sinalou que “é un ano que está moi marcado polo covid. Hai un protocolo sanitario que nos obriga a cumprir con certas restricións como o uso da máscara e hai que cubrir unha declaración responsable cando se recolla o dorsal. Queremos dicirlles aos participantes que teñan moita prudencia e aos que veñan a ver a carreira que manteñan a distancia de seguridade, máscara en todo momento e procurar non aglomerarse”.
Jorge Díaz tivo palabras de agradecemento para o voluntariado: “facer unha referencia importante a toda a xente que colabora con nosoutros e a todo o voluntariado ao longo de todo o 2021 que foron varios eventos que se fixeron e aí estiveron para apoiarnos. Queremos darlles as grazas porque sen eles é imposible facer ningún tipo destes eventos que habitualmente vimos facendo”.
O concelleiro de Deportes de Ribadeo rematou felicitando o novo ano: “como non pode ser doutra maneira quero felicitar o ano e desexar un 2022 con moita saúde e cos mellores desexos tanto para a veciñanza como para a xente que nos ven visitar ao longo do ano”.