Site icon Crónica3.com A Mariña

30 Aniversario de irmandamento Viveiro-Cuba

Viveiro, 17 de decembro, 2021. Que Viveiro e Cuba, son sinónimos de amizade/irmandade non cabe dúbida de iso!. Cando Manuel Fraga pisou despois de máis 60 anos a illa, un encontro que se denominou Semana Histórica para as relacións de España-Cuba. Alí estaban un grupo cunha pancarta (case a primeira imaxe que se percibe no documental de Informa Semanal) que dicía ese “Benvido, Presidente, Viveiro e a súa Comarca”, tivo que ser emocionante despois de tantos anos de silencio e distancia. E o de Vilalba de cultura e sentimentos profundos era un deles. Cuba vivía unha crise, estaban cortados os cables de axuda dunha URSS desmoronada, unha ducha fría na realidade internacional, pero alí estabamos para volver abrazar aos nosos irmáns de ultramar, para reciprocamente devolver os favores pasados. Lembrar que cando aquí estabamos ao pasar mal eles acordáronse da súa terra de orixe.

Somo moitos os que temos ou tivemos familia fóra, e as comunidades constrúense desde o exterior e dentro dun país. E máis neste caso Galicia a quen debe o seu himno inaugurado en 1907 na Habana e a súa bandeira, esa banda azul, de corte marítimo identificativa dos barcos que cruzaban.

A xeopolítica e diplomacia, son vitais para establecer un encontro entre a comunidade latina no mundo, moi necesaria. É estratéxico que unha pequena poboación como a nosa teña relacións frutíferas cunha capital mundial no punto de mira como A Habana. Un achegamento que se produciu en 1991 e un irmandamento en 2001, dúas décadas despois conxelados.

Se hai un ente representaba un símbolo da agrupación veciñal na Perla das Antillas ese era a sociedade Viveiro e a súa Comarca, na súa orixe creada para a defensa dos intereses sociais. Fundada o 10 de decembro de 1910 por emigrantes da Mariña, como sociedade de instrución. Segundo os seus Estatutos: “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”. A primeira directiva estivo integrada por Xusto Taladrid Catá (presidente), Amando Cora (vicepresidente), Tomás Ramos Riguera (secretario), Jesús Fernández,(tesoureiro) e Antonio Pernas Corral (vicetesorero). Como socio de Honra José María Riguera Montero, ou fundadores, Benito Lage, Eusebio Balseiro, Ramón García Mon, Manuel Cabaleiro, Perfecto Cao, Silvestre López Veiga, Ramón López Veiga, Antonio Pedreira, Luís Martínez, Francisco Rodríguez, Segundo Timiraos e Pedro Pernas Rodríguez. Existían tamén representantes individuais das parroquias. Moitos deles cunha historia detrás apaixonante e extensa.

Existiron outras similares en Galicia, case un centenar, ou sucursais noutras partes do globo sendo en Arxentina a máis potente. Pero crese que chegou a ser o apéndice do Centro Galego da Habana con máis tentáculos de acción real e poder. Coñecida como un dos exemplos de solidariedade máis grandes da emigración galega. Calcúlaselle a construción de case 57 escolas, para ensinar a ler e escribir, en aras da liberdade, docencia e o coñecemento. Esta era entón unha terra sumida nunha profunda crise, estancamento social e ávida de melloras. Tratábase dunha loita férrea por educar acompañada por outras accións benéficas, como trazado de estradas, plazoletas, festas, cobertura de seguridade ou sanitaria. En 1923, a sociedade instituyó o servizo de beneficencia para dar axudas aos máis necesitados en Cuba por enfermidade ou aos familiares de falecidos. En 1924, construíu o panteón da sociedade no cemiterio Cristóbal Colón da Habana. Todas elas levadas a cabo coa achega financeira dos seus asociados, algúns cando a causa éralles máis próxima ofrecían unha doazón máis zumarenta ou considerable.

En culmen do seu recoñecemento veu en 1919 cando o rei Alfonso XIII concedeulle a Cruz de Primeira Clase da Orde Civil de Beneficencia con dereito a usar o tratamento de ‘Ilustrísima’.

Todo órgano debe ter unha propaganda e existiron varias publicacións Prol-Galicia e Labor Galego (relativamente curtas en idade), pero sen dúbida a máis importante e lonxeva será a revista mensual Viveiro en Cuba. Publicouse desde 1911 de maneira intermitente no tempo ata 1957, data que coñecemos o seu último exemplar. As súas lemas eran os seguintes: “Cada escola que se abre, é un cárcere que se pecha”. Instruírse é unha obrigación. O salvador foi mestre. A instrución é de necesidade pública” (Concepción Arenal) , “O primeiro deber dun cidadán é instruírse. O segundo é traballar. Quen funda unha escola civiliza. Quen educa homes fai patria” ( J.N.Aramburu).

A portada dunha calidade única e estilo art decó, presentaba á Xustiza portando a iluminación ou sabedoría nas súas mans e unha estrela cos nomes dos 6 concellos. As súas páxinas, basicamente estaban cubertas con eventos sociais (natalicios, bautizos, matrimonios e defuncións), algo de opinión/ideario ou poesía, reportaxes sobre Viveiro ou sobre os logros acometidos en escolas, actividades realizadas, fotografías e bastante publicidade para facela viable economicamente (empregos, bancos, comercios, axencias navais, etc).

Foi dirixida por Del Valle Moré ou Jesús Peynó. Nela escribiron: Alberto Michelena, Andrés Prieto, Blanca Espinar, César Michelena Rebellón, Constantino Horta, Eduardo Núñez Martínez, Francisco Docal, J. M. Riguera Montero, José Rivas y Pernas, Miguel Roldán, Pascual Ramos, Perfecto Cobo García. Perfecto Guerreiro Santín, Vicente Otero Cao, Enrique Chao Espina , Eduardo Nuñez, Manuel Gómez Cordido, Roberto Blanco Torres, Tomás Ramos Riguera…

A sociedade tivo as súas luces e as súas sombras como todo. O fervente apoio á figura política do Liberal Soto Reguera, percibiuse dalgún modo como interese de crear monicreques, coma se do que tratase fose de cambiar os roles do caciquismo anterior, uns por outros. Antón Vilar Ponte nun inicio convencido e iniciador dunha protosociedade de instrución na súa chegada á Habana, terminou sendo unha figura discrepante ou crítica. Pero isto non debe escurecer o labor principal acometido, a herdanza está aí.

A sociedade en 2010 contaba con 721 asociados, dos cales eran nativos 49 galegos e posuían a nacionalidade española, 91. Hai unha década eran Antonio Martínez (presidente), Félix Fernández e Rosa Vázquez (vicepresidentes), Ricardo Miguel Sánchez (secretario) e Elvira Vázquez, (tesoureira).

Na actualidade invoca á nostalxia o tema habaneiro, ou a tempos pasados gloriosos, como unha película de principios de século. Pero o Legado Indiano, é importante, estamos nun dos lugares da península con maior número de edificación civil, cando o habitual é a construción de vivendas privadas deste tipo (que tamén as hai), con documentación ou arquivos particulares sobre o tema. Desde o punto de vista inmaterial temos os costumes, recordos familiares e lazos de sangue que cruzan un océano. É á fin e ao cabo un patrimonio cultural, que conservar e protexer, parte da nosa identidade.

Así mesmo estes modelos, representan a filantropía como arma de construción social, o altruísmo cara ás xeracións futuras, ou accións desprendidas para mellorar o medio social no que se vive. Ademais falar deste Legado é enarborar, a bandeira do progreso, do cosmopolita, o universal, que tanta falta nos fai nunha comarca que se está quedando atrás, orfa de proxectos e líderes de mente aberta. Unha viaxe atrás no tempo como exercicio de memoria, un alento do ánimo para o que somos capaces de facer, os pobos que esquecen destrúense.

30 ANIVERSARIO

Primeira viaxe.

10 de Novembro de 1991.

Nel ían de Viveiro, César Aja Mariño (Alcalde de Viveiro) e José Veiga (Tenente-alcalde de Viveiro), Dulce Chao, Ana Noriega, e de Axencia de Viajes Arifran, José Manuel Arias Franco e Paulino. Tamén foi, Guillermo Salgueiro Abad (Alcalde de Ourol), Fernández Sampayo (Alcalde de O Valadouro), Antonio Gómez Rigueira (Alcalde de Alfoz), Fe Rodríguez Rocha (Alcaldesa de Lourenzá) e Yanes Ginzo (Alcalde de Trabada). De Ribadeo o libriero/archiveiro e estudoso da historia local, Pablo Rodríguez Fernandez, Vivín. De Vilaba, o periodista Moncho Paz. A todos estes sumar algún empresario e político máis da provincia, non é de estrañar xa que de Lugo, concretamente de Láncara, foi oriúndo Angel Castro Argiz, pai do Comandante en Xefe, Fidel Castro Ruz.

Houbo varias recepcións, como a do entón embaixador de España en Cuba, Gumersindo Rico Rodríguez e unha no Palacio da Revolución onde charlaron con Fidel, despois da cea de Gala. A esta cea que foi na Sociedade Galega Rosalía de Castro, acudiron 500 compatriotas, onde comeron polbo e lacón, coa presenza entre outros do Vicepresidente de Cuba, Gallego Fernández, ou o escritor asentado na Habana, Xosé Neira Vilas.

Cabe lembrar do mesmo xeito a visita a Viveiro do vicepresidente de Cuba, José Ramón “Gallego” Fernandez Álvarez, que se produciu entre estes dous períodos concretamente en 1992, para os preparativos da visita á inversa de Castro a Galicia.

20 ANIVERSARIO

Segunda Viaxe.

10 de Novembro de 2001.

Foi visto dalgunha maneira como o 10ª aniversario do primeiro encontro alén do atlántico e a oficialización dun irmandamento. Esta vez acudiron veciños e políticos de Viveiro e A Mariña, fretando un avión desde Santiago de Compostela case na súa totalidade. Podíanse apuntar previo pago dunha cota pola Axencia de Viaxes Arifrán. Acompañou á comitiva a Banda Municipal de Música. Aquí produciuse o famoso irmandamento coa Habana Vella, praza na actualidade existente. Foi escollida a cidade porque é onde se erradicaba a sede da Sociedade Viveiro e a súa Comarca, presidida entón por Jesús Méndez. Escolleuse a localidade porque é onde máis veciños vivían, esta vez bastante anciáns. Dita sociedade de instrución nomeou no seu momento Presidentes Honoríficos a César Aja e Guillermo Salgueiro. Acompañaron na comitiva varias autoridades entre elas o actual Presidente de GDR Terras de Miranda, ex Alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra. Estaba por entón de Embaixador na Habana Jesús Manuel Gracia Aldaz.

A visita foi recíproca, xa que unha representación cubana veu a Viveiro, foi anunciada polo cónsul Humberto Hernández e o entón Secretario Xeral de Emigración, o murense Don Fernando Amarelo de Castro. Entre os que viñeron á Cidade do Landro, estivo Pastor León Pérez, representante da Secretaría Adxunta (Presidencia da Asemblea Provincial do Poder Popular).

Antonio Lage-Seara

Exit mobile version