O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que ao abeiro deste programa de axudas de inclusión social, os concellos poden desenvolver actividades de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; establecer medidas de educación e apoio familiar, ou incidir en accións de mediación intercultural ou de carácter residencial.
Así, a Consellería destina 117.000 euros ao concello de Burela para desenvolver 15 programas de formación, asesoramento e apoio familiar para menores, realizando especial incidencia na integración da poboación inmigrante, e Viveiro recibe 107.770 euros para un total de 14 iniciativas, a maioría tamén orientadas a este colectivo e á poboación xitana en risco de exclusión. Pola súa banda, Mondoñedo desenvolve un programa de educación familiar que conta cun orzamento autonómico de 60.090 euros.
Arias subliñou que o Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria, e tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados -de 20 a 22 meses- para dar maior estabilidade financeira ás corporacións municipais.