Lugo, 23 de decembro de 2021. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos no terceiro sorteo realizado no marco da campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo, organizada pola Federación de Comercio de Lugo co financiamento da Deputación. No acto, realizado ante notario, tamén estivo presente o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas López, e o director territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto Garrido.
No sorteo celebrado hoxe participaron máis de 52.000 persoas que fixeron compras por un mínimo de 10€ no comercio minorista da provincia de Lugo. En total hoxe adxudicáronse 250 bonos de consumo por un importe de 30€ cada un, dos 1.000 dispoñibles, que poñerán en circulación 30.000€ en premios ao final da campaña.
A Deputación financia esta campaña promovida pola Federación de Comercio co obxectivo de apoiar o comercio de proximidade e incentivar o consumo nos últimos días do ano.