Ribadeo, 2 de decembro de 2021. Desde a tarde deste venres, día 3, ata o mércores 8 poderá visitarse no Parque de San Francisco o Mercado do Nadal de Ribadeo. Nesta XVIII edición haberá 25 postos de artesanía cunha gran variedade de produtos (cerámica, xoiería, xoguetes, costura…) así como postos de alimentación, onde se poderán mercar embutidos, doces, chocolates ou produtos de panadería.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, anuncia que “a apertura deste mercado será o venres ás 17 horas e esa mesma tarde ás 18.30 organízase unha chocolatada para todo o público asistente na Oficina Vella de Turismo. As tardes do sábado e do luns están pensadas para xs máis pequenxs da casa, que terán o seu espazo especial no propio mercado, con obradoiros de 17 a 19 horas, tamén na Oficina de Turismo Vella. E, como xa vén sendo habitual, a música vai ter un especial protagonismo nas tardes do Mercado de Nadal, con actuacións de bandas como Body&Soul, The Goodmen, La Bandina del Fuelle ou o espectáculo de rúa a cargo do Xouman O Pulpiño Viascon. E o domingo ao mediodía disfrutaremos de Malajunta Tango Dúo, co seu espectáculo Apiazzolados. Todas estas actuacións serán no quiosco da música, no parque, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. E incluído neste programa musical contaremos tamén na tarde do sábado, dentro do programa do VII Festival de Jazz & Blues, coa actuación do grupo Marlango no auditorio municipal”.
“Teremos deste xeito unha fin de semana e unha ponte festiva cargada de actividades para todos os públicos, co que agardamos e animamos a que veña moita xente visitar o Mercado do Nadal, tanto veciños de Ribadeo como de localidades próximas e amigas”, rematou Pablo Vizoso.