Ademais, a Rede puxo en marcha esta semana a iniciativa ‘A Peza Destacada do Trimestre’, que nace co obxectivo de dar a coñecer as pezas máis representativas que albergan os museos de Semana Santa existentes dentro de dita rede europea.
No caso de Viveiro, desde hoxe colocarase na exposición permanente o atril coa peza destacada do trimestre, e neste caso desde a Xunta de Confrarías elixiuse a imaxe do Ecce-Homo dos franceses, do século XV, pertencente á Venerable Orde Terceira.
Esta imaxe participa na procesión do Ecce Homo do Domingo de Ramos. É coñecido como Ecce-Homo dos franceses pois, segundo a lenda, salvou a Viveiro do asalto do exército napoleónico en 1809.
“Unha boa iniciativa para dar a coñecer o noso patrimonio e impulsar aínda máis a nosa Semana Santa, co desexo de que no 2022 poidamos celebrala como se merece”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.