Entre as actividades, destaca a ‘Marcha nocturna En Negro contra as violencias’ do próximo mércores, 24 de novembro, con saída desde Os Castelos (Covas) ás 21:00 horas e chegada á Praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.
O propio día 25, está convocada unha concentración silenciosa ‘En Negro’, ás 12:00 horas na praza Maior, onde se realizará a lectura do manifesto institucional. Tamén o xoves, o Teatro Pastor Díaz será o escenario da obra teatral ‘Tabú’, de Carmen Conde (20:30 horas), que fala sobre a sexualidade das mulleres na Galicia rural.
“Este ano, a programación da un xiro e centramos o noso traballo na educación, con actividades en colaboración cos centros de ensino; decidimos crear unha Aula-Obradoiro que comezará en xaneiro para educar na boa sexualidade”, explica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller.
O concello creará tamén un ‘Clube de Lectura en Feminino’, desenvolverá unha actividade que engloba o eslogan ‘Viveiro de igual a igual’ coas dúas rapazas de Viveiro Surf Family, e porá en marcha unha actividade de asesoramento e terapia familiar.
“Queremos tecer redes entre todas as entidades, asociacións e centros educativos para aportar ferramentas aos mozos e mozas que lles permitan crecer en igualdade, así como afondar na prevención e acompañamento ás mulleres que son vítimas, como xa facemos todo o ano desde o Centro de Información á Muller”, engade Fernández-Noriega.
María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, incide nestes obxectivos, “facendo fincapé na educación, sen esquecer por suposto a necesidade de concienciar e visibilizar esta lacra social da violencia de xénero: temos que estar preto das vítimas e axudalas, aumentando os recursos para rematar o antes posible esta loita”.