Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolleu a Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste

Viveiro, 12 de novembro, 2021. Viveiro acolleu esta semana a “Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste”, un evento que impulsa a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo para reflexionar sobre temas de interese das frotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro.

O encontro, que tivo lugar no Resort Las Sirenas durante o xoves 11 e o venres 12 de novembro e nel participaron representantes das Federacións de Confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.

Durante a reunión Interfederativa de Confradías do Cantábrico Noroeste, celebrada na tarde do xoves, os representantes dos pósitos consensuaron unha serie de temas que serviron como documento de traballo na reunión que o venres pola mañá mantivo o sector pesqueiro artesanal coas administracións central e autonómicas.

Os representantes das confrarías analizaron a situación e o grao de cumprimento das conclusións acadadas tra-lo congreso telemático do ano pasado, abordando de novo diferentes temas xerais e de interese común para o sector, moitos deles recurrentes con respecto a edicións anteriores ante a falta de solucións ou respostas da administración, como a pesquería dos túnidos, a regulación das organizacións de produtores, as axudas do almacenamento, a calificación das infraccións na Lei de Pesca, os sistemas informáticos de xestión ou o futuro da pesca e a formación por experiencia.

Mantendo a dinámica de anteriores edicións, o venres pola mañá organizouse a reunión de traballo conxunta entre representantes das confrarías e das administracións pesqueiras de España e as comunidades autónomas do Cantábrico, na que participou a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias. Neste encontro os representantes do sector expuxeron ás administracións as principais conclusións derivadas do día anterior.

A xornada contou tamén coa asistencia do director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Juan Ignacio Gandarias Serrano; a directora do Instituto Social da Marina, Elena Martínez; a subdirectora xeral de Seguridade, contaminación e inspección marítima de Marina Mercante, Ana Núñez; a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o director xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias, Francisco González Rodríguez; a directora de Pesca e Alimentación de Cantabria, Marta Ana López López; e o director de Pesca e Acuicultura do País Vasco, Leandro Azcue Múgica.

CLAUSURA DO CONGRESO
O presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo e da Federación Nacional de Confradías, José Basilio Otero, e a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias, presidiron o acto de clausura do Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico-Noroeste, no que presentaron un resumo das conclusións e acordos acadados entre o sector pesqueiro e as administracións.

Ademais do resto de participantes no congreso, tanto por parte das confrarías de pescadores do Cantábrico-Noroeste como das diferentes administracións, tamén asistiron ao acto representantes do Concello de Viveiro e entidades relacionadas co sector pesqueiro, como Abanca Mar e as organizacións de pesca de Lugo, Porto de Celeiro, Absa Burela, OPP-7 e OPP-77.

Exit mobile version