Segundo explica a Axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, “dentro das accións para este ano do Turismo Slow Norte de Galicia, estamos promocionando o proxecto coa visita dun coñecido blogger ao destino, Alvientooo, que estivo esta fin de semana coñecendo algún dos aloxamentos, recursos e actividades do produto turístico, ademais de facer a Ruta de Santo Estevo do Ermo, paraxe natural de Barreiros, guiada por Sofía López e organizada dentro do programa de rutas de cultura e natureza da Mancomunidade A Mariña en Ruta”.
Hermida subliña que “tamén, esta fin de semana, está organizada unha xornada de traballo que se desenvolverá en aloxamentos ligados ao proxecto dos concellos de Alfoz, Foz e Mondoñedo coa finalidade de poder chegar a desenvolver unha oferta de actividades de benestar da man de centros e profesionais do sector de Galicia. Estas actividades complementarán as experiencias que xa foron postas en marcha na pasada anualidade e que este ano se están ampliando coa oferta de actividades guiadas por profesionais da Mariña Lucense. Proximamente, poderase consultar toda esta información na web do proxecto https://turismoslow.gal/. Todas as accións teñen como obxectivo a consolidación, profesionalización, promoción e difusión do proxecto co fin de potenciar a marca Turismo Slow Norte de Galicia coma un produto turístico que busca a sustentabilidade e, por tanto, o equilibrio económico, medioambiental e social”.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, di que “a filosofía do turismo slow, que fuxe de destinos masificados e aposta por espazos rurais, abertos e con actividades na natureza como os que conforman o proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, no que estamos as Mancomunidades de Ferrolterra e da Mariña Lucense, non só se adapta moi ben aos recursos e idiosincrasia desta comarca, senón que transmiten maior seguridade ao viaxeiro e gañan en atractivo”.
Cajoto lembra que “se trata dun proxecto no que se leva traballando desde hai tempo., cando optamos por centrar os esforzos en dúas direccións. Por un lado, en buscar a implicación da poboación local en torno á demanda e á oferta de produtos e servizos sostibles e, por outro lado, en dirixir esta oferta a persoas comprometidas cun estilo de vida saudable e interesadas por viaxar dunha forma responsable, lonxe das tendencias turísticas e destinos masificados ou carentes de autenticidade”.
Concurso
Desde a Mancomunidade da Mariña engaden que “seguindo esa finalidade de implicar á poboación local, este ano ven de desenvolverse un concurso para a creación de campañas de márketing do proxecto, ofrecéndolle ao alumnado do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticado CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (único centro dentro do territorio do proxecto que ofrece este ciclo) a posibilidade de deseñar unha campaña, cun dobre obxectivo: dar a coñecer á poboación local o proxecto, fomentando as visitas internas dentro dos destinos. E asumir un reto que os achegou á realidade laboral a través da oportunidade de crear unha campaña real para un produto turístico xa en marcha”.
Hai uns días celebrouse no devandito centro educativo o acto de selección das campañas, no que participaron como xurado o xerente da Mancomunidade de Ferrolterra, Luis Alcalá, a Axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade da Mariña Lucense, Tania Hermida, o profesorado do centro e o persoal da empresa Promove Consultoría, encargada da coordinación do proxecto e de dita acción, coa correspondente entrega dos premios ás campañas seleccionadas.
No acto presentáronse 5 campañas de promoción do proxecto turístico, baseadas na calidade do trato a través dos anfitrións (neste caso nos aloxamentos turísticos) e un produto que promove un turismo sostible, respectuoso co medio e a contorna, que pon en valor a cultura e o produto local e a riqueza patrimonial e natural do noso territorio.
As gañadoras, Ferver o Norte e Viveslow, foron premiadas con bonos de estancia nos aloxamentos de Turismo Slow Norte de Galicia tanto no xeodestino de Ferrolterra – Rías Altas coma na Mariña Lucense e deberán desenvolver o proxecto previsto para a promoción do produto durante os vindeiros meses.