Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé supervisa en Burela as obras para crear unha glorieta á altura do cemiterio

Lugo, 1 de novembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou xunto ao Alcalde de Burela, Alfredo Llano, os traballos de mellora que a institución provincial está executando na vía provincial LU-P-1502, que conecta Burela con Ferreira do Valadouro por Vilaestrofe. Unhas actuacións que teñen un investimento de 42.279€.

Tomé Roca explicou que estas obras teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria nesta estrada co acondicionamento dunha nova glorieta á altura do cemiterio burelés, onde tamén se dá acceso ao miradoiro Monte Castelo, no punto quilométrico 1,9. Para iso, realizouse o movemento de terras necesario para crear unha explanada anexa ao cruzamento e aglomerar. Agora só resta completar a sinalización e pintado da glorieta con marcas reflexivas brancas. Esta glorieta servirá para regular o tráfico nesta vía que dá servizo ás persoas que acoden ao camposanto, pero tamén ás que se desprazan ao miradoiro Monte Castelo, ao Concello do Valadouro ou ás parroquias cervenses de Rúa e San Román.

O proxecto tamén inclúe a colocación de biondas como medida de seguridade no treito comprendido entre o quilómetro 0,6 e 0,8 desta estrada ao existir un importante desnivel.

Na visita que fixo o Presidente ás obras tamén estiveron presentes os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, así como representantes da Corporación municipal burelesa.

Máis de 6M€ na Mariña
A Deputación de Lugo inviste a longo deste ano 2021 nas estradas da Mariña máis de 6M€ a través de diferentes liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Administración autonómica en Lugo, preto de 800 percorren a comarca mariñana.

Ao longo deste ano, a institución provincial, ten en marcha unha vintena de proxectos finalizados ou en marcha para mellorar as vías da zona norte da provincia por un importe superior aos 1,61 M€. A esta cantidade súmanse as diferentes accións que, con cargo ao Plan Único 2021, melloran os camiños, os accesos a núcleos rurais e o acondicionamento e humanización de diferentes vías municipais cun custe total por riba dos 2,77M€. A maiores, o Plan Provincial de Conservación de Estradas destina á Mariña preto de 1M€, aos que hai que engadir outras colaboracións con entidades locais da comarca, como o convenio da Deputación co Concello de Foz para a urbanización da rúa Costa do Castro por importe de 466.880€, e que para esta anualidade ten consignados 233.440€.

A Deputación de Lugo tamén acomete obras de mellora e acondicionamento de vías, tanto provinciais, como municipais, con medios propios, a través dos equipos e os traballadores cos que conta no Parque Móbil. Ao longo deste ano 2021, a institución levou a cabo na Mariña diversas actuacións co Parque Móbil, que están valoradas nun prezo de mercado de 500.000€.

Estes investimentos responden á prioridade do Presidente da Deputación, José Tomé Roca, de mellorar a mobilidade na provincia como un factor que contribúe ao equilibrio territorial e á calidade de vida da veciñanza.

Exit mobile version