Ribadeo, 29 de novembro 2021. “As entidades deportivas de Ribadeo merecen todo o noso respecto”. Así o afirma o coordinador de Deportes do Grupo Municipal Popular deste municipio logo de que o goberno local do BNG “sacase peito” co pagamento realizado a estes colectivos, a sabendas de que os impagos datan de 2016.
“As entidades deportivas teñen moito traballo detrás; só o saben o que están ao pé do cañón e, por tanto, teñen todo o noso apoio”. Precisamente, esta colaboración dos populares é a que permitiu que recibisen da Xunta de Galicia 65.000 euros. Por contra, os nacionalistas, engade, “tan só se dedicaron a poñer trabas, requerimentos e coaccionar e meter medo”.
Tito Suárez considera que, con tal proceder, ao alcalde “quitóuselle a careta”, pois, nas distintas ocasións en que os populares acusaron ao goberno local de non pagar a estes colectivos, “o único que recibimos foi insultos como chamarnos mentirosos”. Por tanto, e dado que “este días presumían de pagar” ás entidades deportivas, dende o PP conclúen: “quen mente agora?”. Con todo, Suárez adianta que “seguiremos traballando polas entidades locais con humildade, constancia e decisión”.