Site icon Crónica3.com A Mariña

Táboas no podio. Alcorcón 1-1 Pescados Rubén

Burela, 21 novembro, 2021. Los Cantos viviu un peche vertixinoso da xornada 8 con gran ritmo e ocasións en ambas as filas. O Pescados Rubén Burela FS selou a súa visita á pista do Arriva AD Alcorcón FSF con táboas (1-1). Tras o meteórico gol das locais, aos 15 segundos, o xogo das mariñás insistiu e conseguiu o empate no 18. Na segunda parte, as Guerreiras dispuxeron de inmensidade de ocasións fronte á gran Estela.

As mariñás encaixaron o 1-0 aos 15 segundos de xogo, nun saque de esquina que Tania aproveitou na pugna do rexeite. Responderon as Guerreiras con garra, converténdose Estela nun muro titánico ante Dany no minuto 5. A defensa das alfareiras conseguiu bloquear a Ale e Leti. Volveu aparecer providencial Estela chegando ao ecuador do primeiro acto fronte a Bea Mateos e Dany máis tarde. Xeraron e xeraron as burelistas sen atopar a conexión necesaria na última xogada fronte a un Alcorcón moi perigoso á contra; Sandra Buzón fíxose grande, ante Aída de Miguel nun perda galega, para evitar o segundo das locais. O Pescados Rubén por fin conseguiu o premio merecido antes do descanso, no 18, cunha transición de Dany culminada por Ale de Paz, a pichichi laranxa.

Emilly e Peque tivérona no regreso para poñerse por diante. Estela salvou as madrileñas segundos despois de novo con Emilly e Leti. Alcorcón responderon en rápidos contraataques. Estela apareceu moi oportuna ante a ocasión de Bea Mateos en recuperación chegando ao ecuador; volveron ter outra de ouro en combinación a 14 laranxa con Cami e Peque. Gañaron as burelistas fronte ao desgaste físico das alfareiras. A meta local freou as intencións de Cami no 34. Apostou por xogo de cinco o conxunto laranxa na recta final en busca do gol que se lle resistiu a pesar da insistencia; con 44 segundos para o final Peque protagonizou unha das mellores, que se estrelou contra o pau, sen poder mover o empate.

Ficha técnica

Arriva AD Alcorcón FSF: Estela, Aída de Miguel, Tania, Clau López, Nere Moldes, cinco inicial; tamén xogaron Paula Llorente, Marta Nuño, Laura Oliva, Laura, Iraia, Ballesteros

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Cami, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Cilene, M. Cortés, Emilly, Irene Samper, Bea Mateos, Jozi Oliveira

Goles: 1-0, minuto 1, Tania; 1-1, minuto 18, Ale de Paz

Árbitros: Jarque Ruiz // Moreno Durán. Por Alcorcón amarela para Aída de Miguel (minuto 28), Marta Nuño (minuto 36). Por Burela Emilly (minuto 39), Jozi Oliveira (minuto 39).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 8 de Primeira RFEF Feminina disputado en Los Cantos.

Exit mobile version