O título é unha cita que vin atribuída a un primeiro ministro hebreo, Levi Eshkol. No marco do ‘conflito’ árabe-israelí, empregouna para xustificar a violencia de estado contra a violencia nas rúas.
Supoñamos que acordamos con el no valor desas verbas. E agora veñamos a España. Para facer a situación equiparable, no marco da lei mordaza (Lei Orgánica de Seguridade Cidadá, de 2015, aprobada en solitario polo PP), habería ou ben que ver o pobo como violento que loita contra unha violencia sometedora, ou ben tratar en xeral ó pobo como o inimigo que quere subxugar a España. No primeiro caso, a cita estaría tratando esa ‘violencia popular’ como mal menor… É no segundo, sería dicir que España é en si o interese de catro que estarían a subxugar ó resto, usando as leis ó seu favor e defendendo o seu uso co recurso á violencia.
Non sei se está claro. A cousa víuseme á cabeza ó ler esta mañá unha entrevista, tratando no fondo sobre os cambios legais que parece que se aveciñan sobre dita lei mordaza. Un resume dos cambios, segundo a entrevista, sería (con comentarios meus entre paréntese):
– que os atestados policiais deixen de ter presunción de veracidade (en realidade, sería poñelos ó mesmo nivel de veracidade que outras fontes a confrontar, non que se deixen de considerar)
– que calquera poderá manifestarse sin necesidade de comunicalo antes á Subdelegación do Goberno (entendo que máis ben, sen necesitar a aprobación dela conforme ó dereito de manifestación)
– que o ter estupefacientes pase a ser infracción leve (dependendo de diversas variables, claro)
– que as retencións para identificación pasen a ser de dúas horas e non de seis como agora (é dicir, que non se use a retención como castigo preliminar, senón para o motivo para o que se permiten)
– que os axentes non poderán usar bólas de goma como ‘elemento disuasorio’ (é dicir, sen motivo previo, e con certa ironía, pois se se consulta o dicionario, verase disuadir como ‘conseguir mediante razóns e argumentos que [alguén] abandone unha idea ou renuncie a levar a cabo un propósito, unha acción.’).
A posibilidade deses cambios está levando a algúns membros das ‘forzas de seguridade do estado’ a montar manifestacións nas que, aparentemente, non se ven sometidos ás mesmas condicións polas forzas de seguridade do estado en servizo que se foran doutros colectivos. E ó carro súmanse representantes de PP, Vox e C’s.
Os motivos das manifestacións? Polo que parece, que o cambio legal aumentaría a desprotección desas forzas de seguridade (que, lembremos, teñen o monopolio legal do uso da violencia).
O dilema, sempre segundo a entrevista á que me refiro, parece o seguinte: se quitan os ‘elementos de disuasión’, ¿como actúan os corpos e forzas de seguridade? É dicir, a pregunta leva consigo ás forzas de seguridade vistas cunha función non de seguridade, senón como elementos de ‘disuasión’.
Hai tempo que lin que se un axente usa unha arma é que fallou na súa misión. Pero debía ser nun texto estranxeiro, que aquí a doutrina pídese que pase pola exacerbación do uso legal da violencia: fóra restricións e constricións. Que está máis que demostrado que tamén hai axentes do orde que minten? Non importa, presunción de veracidade para evitar inconvenientes, para evitar ‘un mal maior’. Que algúns poden dar unha malla sen vir a conto? Cámaras fóra, que, parodiando un dito machista de hai tempo, se o axente non sabe o motivo, o afectado xa saberá por que. Que unha bóla de goma pode sacar un ollo? Mala sorte, con non ir (nin achegarse) á manifestación, asunto solucionado. Para que ir?
Volvo ó título. Parece que se tratara de que o medo á policía, á súa violencia, faga someterse ós cidadáns. E iso, segundo consta, é peor ca violencia puntual: é violencia continuada. O mesmo día que escribo isto, Manuela Carmena axustou: “A extrema dereita baséase nunha alteración da realidade social para xerar o medo”. Non é raro entón que Vox se sume as manifestacións esixindo liberdade de represión.
Collo por último outra cita: “O paso que (…) está dando hoxe debería enviar unha mensaxe clara: nunha sociedade libre, é inaceptable desenrolar un poderoso (…) patrocinado polo estado contra usuarios inocentes e contra aqueles que procuran facer do mundo un lugar mellor”. Quen queira procurar a cita terá que mirar nunha demanda de Apple contra un fabricante de software espía, non contra a lei mordaza. Pero se é usado nese caso (e é posible usalo neste) é só porque é un principio xeral. Ou non?