O rexedor declarou que “desde o goberno municipal estamos francamente satisfeitos de como está indo esta iniciativa que puxemos a andar hai pouquiño tempo, que se chama O Concello cos Coles, onde queremos propoñerlles diferentes actividades aos distintos centros educativos do noso concello, tanto ao Dionisio Gamallo, como ao Sagrado Corazón e ao Gregorio Sanz cunha serie de actividades culturais, de historia natural, de natureza, de igualdade, de turismo, etc…”.
Suárez Barcia engadiu que “hai poucos días estivemos facendo visitas de xeorutas para ver os pregues e os aspectos xeolóxicos do noso concello. Hoxe mesmo estamos facendo unha segunda edición deste curso de elaboración de queixos para os máis cativiños, que están encantados cos seus mantelos, amasando e seguindo as instrucións dos técnicos da Escola Pedro Murias, que nos cederon a aula de lácteos para que puidéramos levar adiante esta iniciativa”.
O alcalde ribadense subliñou que “todo isto danos moita ilusión e moitas ganas de seguir dando continuidade ao longo deste ano, que vai entrar agora, a este tipo de iniciativas que son moi enriquecedoras para os pícaros e para as pícaras e que poñen ao mesmo tempo en valor todas as cousas boas que ten o noso concello”.