A titular de Mar lembrou que esta iniciativa está promovida pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña ao abeiro do GALP A Mariña-Ortegal para favorecer a integración social e a rehabilitación psicosocial e laboral das persoas con enfermidades mentais crónicas. Ademais, pretende ser un espazo de comunicación transversal entre o sector pesqueiro e distintos colectivos en risco de exclusión social.
O proxecto, que se desenvolve na Unidade Residencial de Cervo desde 2020 e ten vixencia ata 2022, é un proxecto medioambiental e de integración social no que se pon en valor o patrimonio costeiro e os recursos patrimoniais e ambientais da Mariña-Ortegal a través de cinco actividades: terapia-mar, crea-mar, explora-mar, coida-mar e a obra de teatro O camiño e o mar.
A exposición é froito do traballo desenvolvido polos participantes nos cursos de formación con motivos mariñeiros da actividade artesanal crea-mar así como dos produtos resultantes da reciclaxe dos aparellos e refugallos recuperados do mar no marco da acción coida-mar. A Aula do Mar ten localización física en Cervo pero tamén carácter itinerante, con saídas culturais por outros concellos da contorna para reforzar a identidade local da zona costeira, e actividades nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo.