Site icon Crónica3.com A Mariña

“Que os chinos teñen unha nova arma? E que?”, por Antonio Gregorio Montes

Onte un coñecido pasoume a ligazón dunha nova que viña a dicir no seu título que os chinos desenvolveran un mísil con cabeza nuclear que, actuando dende o espazo, sería imparable. Como se non houbera xa alarmas abondo coas crises que están a ameazar a nosa supervivencia no planeta (e que estamos a labrar nós mesmos). A nova ‘fíxome graza’, e obtivo unha resposta rápida: non lles fai falta lanzar un ataque así, nin lles convén, por moito que sempre pode haber un tolo ó mando, como noutras ocasións da historia.

Vaiamos por partes. A tecnoloxía de misís permite dende hai décadas abondo que o lanzamento de bombas nucleares dende submarinos sexa imparable na práctica. Iso para os EEUU, que para Europa a protección equivalente, polo momento, é impensable. A máis da ‘deformación mental’ que, de xeito inmediato, ó ver unha noticia tal, nos fai pensar na ‘defensa do mundo occidental e non, por exemplo, da Arxentina ou da propia China. Iso, aínda deixando aparte o que a potencia económica china estease a amosar avasaladora, xunto coa súa tecnoloxía punteira (lembras cando o ‘produto chino’ só significaba barateiro e morralleiro feito a partir de ‘traballo de chinos’?). Que os EEUU decidiran facer un escudo de protección na atmosfera, xa tamén hai décadas, escapa da miña comprensión máis aló da ostentación xeopolítica e o tentar a salvagarda da hexemonía dun bloque nun mundo no que os bloques cada vez son menos nidios, cada vez máis multipolar.

O caso é que o titular estaba aí para crear medo, para realimentalo. O medo paraliza e fai ver visións. O medo vende e véndenos. Mercamos medo (ou mesmo agasállannolo ou fan que nos fagamos con el a prezo de saldo) e convertémonos en medodependentes. Un negocio que ademais, por medio da axitación dos medos, impide que nos movamos de xeito meditado e libre para pasar a movernos cara ó acubillo que nos venden como paso seguinte na cadea da dependencia.

Despois de ter recibido o titular, ocórreseme que en particular nas cidades, onde moita xente considera o cambio climático como o inconveniente que lles impulsa a cambiar o lugar de vacacións de esquí no inverno ou de praia no verán, e poñer máis aire acondicionado, esa xente pode ser alimentada de xeito máis doado con medos prefabricados. Que a biodiversidade está a diminuír? Ca! A biodiversidade está a aumentar coa proliferación de cores nas caras e na roupa da xente, que cada vez é máis rara, e como se pode comprobar con algunha foto dun raposo no río preto do centro madrileño. Esgotamento de recursos? Iso non existe, o que existe é unha dicotomía, “podo ou non podo pagar os produtos?”, sen importar que a tendencia sexa a poder pagar cada vez menos artefactos innecesarios, nunha dirección na que se confunden o esgotamento de recursos e o afogamento polo capital. E, se esas cousas non importan porque impiden as vendas, distraiamos a atención con outras cousas que non impidan vender, que potencien as compras, e sigamos acumulando…

Exit mobile version