Ribadeo, 29 de novembro de 2021. O Concello de Ribadeo asinou hoxe os convenios cos clubs locais para o desenvolvemento das escolas deportivas municipais. Preto do 50% das nenas e dos nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos acoden ás devanditas escolas. Son dez as modalidades que se imparten tras o parón ocasionado o pasado ano pola pandemia.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, manifestou que “damos comezo este ano de novo ás escolas deportivas. Hai dez clubs de todos os ámbitos, pádel, natación, fútbol, baloncesto, hockey, atletismo, fútbol sala, temos un pouco de todo. Fai unhas semanas tamén nos puxemos ao día nos pagos que tíñamos pendentes de varias anualidades de diferentes subvencións tanto de eventos como competitivas. Estamos rematando o 2021 con boas expectativas xa que volven as escolas deportivas e estamos ao día tras esas débedas que tiñamos cos clubs”.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliñou que “estamos moi orgullosos de que con todos estes clubs de diferentes especialidades, supón unha enorme diversidade e variedade de especializacións deportivas, que queremos ofrecer aos nenos e ás nenas do noso concello, entre 4 e 14 anos e durante o curso escolar darlles a posibilidade a máis de 400 rapaces e rapazas da vila e das parroquias que poden participar nalgunha destas especialidades”. E engadiu: “ao mesmo tempo, este apoio económico que nosoutros queremos levar adiante non é nada se non temos aos diferentes clubs para que poñan a cara, a súa experiencia, o seu saber facer e o agarimo para que todos os rapaces e rapazas poidan ter esta oportunidade diversa de escoller calquera destas especialidades. Así que nosoutros apoiamos economicamente, pero os cartos sen os clubs non serían nada, polo tanto animámosvos a seguir facendo así e a todos os nenos e nenas de Ribadeo para que aproveiten todo este amplo abano de posibilidades en canto a deportes”.
O custe anual por nen@ de cada escola deportiva é de 60 euros, “de aí que isto lle supoña un déficit de 25.000 euros ao Concello de Ribadeo, xa que o custe total destas actividades para o presente curso ascende a 50.000 euros”.