Lugo, 18 de novembro de 2021. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu onte, mércores, o acto de presentación do novo traballo da xornalista e escritora María Xosé Porteiro, que vén de publicar #taméneu, unha escolma de setenta e sete traballos xornalísticos sobre o que denomina “a revolución feminista”.
A publicación de #taméneu correu a cargo da editora LAR Libros, de Viveiro, que inaugura con esta obra unha colección de opinión. Nesta obra salienta na portada, coas cores identificativas do feminismo, unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Víctor de las Heras dunha manifestación na Praza da Constitución, en Vigo, en 1983. Na presentación participou Carmen Díaz Simón, do Foro Feminista de Lugo, entidade que colabora na organización do acto; xunto coa prologuista do libro, Llerena Perozo; o representante da editorial, Manuel López, e a propia autora. No acto, que contou con numerosa presenza de público e completouse o aforo establecido, foi recordada a figura do escritor Darío Xohán Cabana, falecido precisamente na xornada de onte.
A respecto do papel das mulleres como columnistas de opinión, María Xosé Porteiro afirma que é un dos xéneros xornalísticos que máis lle compracen, malia recoñecerse como “unha toda terreo, mais a opinión é un eido moi masculinizado nos medios impresos. Informes da asociación de Mulleres Xornalistas falan de que as columnas asinadas por mulleres están entre o 10 e o 15 por cento de toda a opinión publicada. Daquela, considero necesario que voces autorizadas de mulleres ocupen estes espazos”.
A autora lembra que pertence “á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta”. Afirma que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista. “Desde aquela participei dun debate que entrou de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise. En #taméneu, versión galega da expresión mundialmente famosa Me too abordo aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución ou o aumento da violencia sexual. Estou certa de que estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización”.
Na súa longa traxectoria Porteiro recibiu recoñecementos polo seu labor a prol do feminismo, en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo. Desde 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.
#taméneu está a venda na web www.libroslar.com