Ferrol, 12 de novembro de 2021. O Ateneo Ferrolán acolleu na tarde de onte, xoves, a presentación da nova obra de María Xosé Porteiro, titulada #taméneu, que editou LAR libros, de Viveiro. Nesta publicación, que está a venda na web www.libroslar.com, a autora opina sobre a revolución feminista en 77 traballos xornalísticos.
María Xosé Porteiro recibiu recoñecementos pola súa labor a prol do feminismo, en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das Mulleres do Concello de Vigo. Desde os anos 80 publicou numerosas pezas xornalísticas sobre desta temática. A partir de 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa Comisión de Igualdade.
A edición de #taméneu é de LAR libros, que inaugura con esta obra unha colección de opinión, e que participou na presentación de onte por medio de Manuel López. Tamén acompañou á autora a prologuista da obra, Llerena Perozo, e a directiva do Ateneo Ferrolán Sonia Mauriz.
Nesta publicación chama a atención a portada, coas cores identificativas do feminismo e unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Vitín de las Heras, dunha manifestación feminista na Praza da Constitución, en Vigo, en 1983.
María Xosé Porteiro explica que elixiu Ferrol para a presentación deste traballo porque “o Ateneo Ferrolán sempre ten a porta aberta para este tipo de iniciativas. A presentación estivo a cargo de Sonia Mauriz, membro da directiva, e no meu agradecemento inclúo a súa equipa directiva en conxunto. Ademais, non é preciso ter unha razón especial, mais neste caso debo recoñecer que teño un vínculo afectivo con esta cidade á que acudín moitas veces por motivos profesionais. Vigo e Ferrol teñen un lazo de unión pola súa historia de vindicacións a prol dos dereitos que me resulta particularmente atraínte”.
Sobre o título deste libro a autora comentou: “pertenzo á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta. Vivinas intensamente, como feminista e como xornalista. Cando a eclosión do movemento Me too, logo da chegada ao poder de Donald Trump, participei dun debate que entrara de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise. En #taméneu, versión galega da expresión mundialmente famosa, abordo aspectos coma os femicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual. Estou certa de que estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización”.