Santiago de Compostela, 14 de novembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou a Núñez Feijóo que “rectifique os recortes na sanidade pública e poña en marcha unha estratexia que lle dea forza ao corazón do sistema, que é a Atención Primaria”. Así o afirmou durante a manifestación en defensa da sanidade pública convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, na que participou xunto a unha destacada representación do BNG, entre a que tamén se atopaban o deputado no Congreso, Néstor Rego e a eurodeputada, Ana Miranda.
Para Pontón, o responsable da grave situación na que se atopa o sistema sanitario público galego “é o señor Feixóo e os recortes do PP” que, segundo recalcou, “non aprendeu das leccións da pandemia” senón que, “ao contrario, está utilizando esta crise sanitaria para darlle unha volta de torca aos recortes na sanidade pública”. “Están pasando cousas moi graves, como que se estea entorpecendo e dificultando a atención presencial, que se queira primar a atención telefónica, que se estea dificultando o acceso aos centros de saúde e que haxa centros de saúde neste país onde hai semanas de espera para poder acudir ao médico ou médica de cabeceira”, censurou.
Logo de subliñar o apoio do BNG a esta mobilización e ás e aos profesionais da sanidade pública, recordou que son precisamente eles e elas os “que durante estes meses estiveron mantendo o sistema sanitario e agora están dicindo basta xa de recortes, basta xa de privatizacións e basta xa dunhas axendas que fan imposible atender como se debera ás persoas que neste momento seguen necesitando atención médica”.
Neste contexto, reprobou as políticas desenvolvidas polo Goberno do PP e defendeu a urxencia de “darlle a volta” a esta situación “porque o que non pode permitirse é que o corazón do sistema sanitario, a Atención Primaria, estea ao bordo do colapso”. “E está así por responsabilidade dunhas políticas que claramente están cercionando o dereito á saúde”, asegurou, para recalcar a continuación: “dixémolo moitas veces, os recortes matan, e neste momento, no que acabamos de vivir unha pandemia, é fundamental darlle a volta a estes recortes”.
Así, a portavoz nacional do Bloque advertiu que, hoxe en día, a Atención Primaria ten menos recursos que fai 12 anos, hai listas de espera para ir ao médico ou médica de cabeceira, en moitos centros dificultades ata para coller o teléfono e, segundo asegurou, “isto é responsabilidade dunha política de desmantelamento”.
Por iso, reclamou ao presidente da Xunta que rectifique a súa política de recortes, “porque cando rectifica, acerta”, e asegurou que é posible facelo se se convocan todas as prazas vacantes no Sergas, se se destinan máis recursos a Atención Primaria, se se recuperan as xerencias eliminadas “e, sobre todo, se hai vontade política de poñer en marcha e fortalecer un sistema sanitario público que é vital e que é o que nos garante o dereito á saúde a todas as persoas”, concluíu.