Recibiu o xerro de auga fría demasiado cedo o conxunto galego, aos 42 segundos, cunha volea de Pintinho en rexeite. Tentaron remar os burelistas, dirixidos esta tarde por Rafa Merino por problemas de saúde de Riquer. Renato e Pitero puxeron a proba a Marcão. Edu freou o disparo afastado de João no 6 pero nada puido facer ante a chegada do navarro tan só un minuto despois, aproveitando unha perda de saída laranxa. Dispuxeron de dúas grandes ocasións os galegos para reducir distancias, con Pazos no 8 e o pau como verdugo, e en xogada ensaiada no 11 ante o pé salvador de Terry. E de novo souberon sacar rédito os de Pato no seu perigo para poñer o 0-3, no 14, con Gabriel en parede con João, tras tentativa de corte local. Marcão volveu facerse grande ante o Pescados Rubén no 17, coa chegada de Iago Míguez ao segundo pau no pase de Renato.
No 25, os galegos apostaron por xogo de cinco para a remontada. Non aproveitaron no trepidante contraataque de David Pazos no 28 pero si o fixo Aspil segundos despois en recuperación culminada por David a pase de Gabriel. Non baixaron os brazos os da Mariña, reaccionaron de forma inmediata co 1-4 de Quintela avalados na fortaleza do porteiro xogador. Cando mellor se atopaba o Pescados Rubén chegou o quinto visitante, a porta baleira, no 32. Renato reavivou o ímpeto da escuadra burelista con case cinco minutos para a bucina, cun trallazo para o 2-5. A Xoia Laranxa serviulle ao segundo pau o terceiro a Isma no 38. O definitivo 3-6 chegou a 4 segundos para a bucina, a porta baleira.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Renato, David Pazos, Wanderson, cinco inicial; tamén xogaron Pitero, Isma, Quintela, Álex Diz, Levi, Lucho
Aspil Jumpers Ribera Navarra: Marcão, David, Anás, Pintinho, Terry, cinco inicial; tamén Gabriel, Nacho, João Miguel, Kadinho, Espín, Uge
Goles: 0-1, minuto 1, Pintinho; 0-2, minuto 7, João Miguel; 0-3,minuto 14, Gabriel; 0-4, minuto 29, David; 1-4, minuto 29, Quintela; 1-5, minuto 32, David; 2-5, minuto 36, Renato; 3-5, minuto 38, Isma; 3-6, minuto 40, Uge
Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro. Por Burela amarela para Lucho, Wanderson, Quintela, Levi. Por Ribeira amarela a Espín
Incidencias: Partido correspondente á xornada 5 de Primeira Masculina disputado en Vista Alegre coa presenza do representante do CNFS da RFEF Luís Amado e o vicepresidente da RFGF, Pablo Prieto, entre outras autoridades.